O Festival de Cans proxectará as curtas gañadoras da súa XVI edición durante dous domingos consecutivos na Sala Ingrávida

A Sala Ingrávida acollerá as proxeccións das curtas galardoadas na XVI edición do Festival de Cans. Debido ao repartido que quedou o palmarés, esta tradicional sesión dividirase en dous días. Así, o público terá outra oportunidade para ver as pezas gañadoras o domingo 2 de xuño e o domingo 9 de xuño, ambas sesións ás 20h00 na Sala Ingrávida do Porriño. Esta listaxe de pezas e de gañadoras e gañadores reflicte a diversidade de creación e de estilos que supón o Festival de Cans, lugar de encontro de cineastas galegos que traballan en diversos países do mundo.

A primeira sesión contará coa presenza de Dani Viqueira -director de Limbo– elixida polo xurado como a Mellor curtametraxe de imaxe real e tamén Premio á mellor banda sonora para Germán Díaz. Tamén estará con nós a realizadora Aldara Pagán –O que precede á caída é branco-, Premio do xurado das veciñas e veciños de Cans. Antes das proxeccións estableceranse conexións con Khris Cembe, que os falará dende Brighton, Noelia Muíño dende Nova York e Mar García dende Barcelona. Todos eles realizadores e realizadoras das pezas gañadoras desta primeira sesión: The Widow de Noelia Muíño que acadou tres dos galardóns do palmarés (entre eles o de mellor guión, mellor realización e mellor dirección de fotografía para Asia Khmelova); Devalar de Mar García, que acadou o Premio do xurado de FuraCans á Mellor curta de non ficción; e Soy una tumba de Khris Cembe, Premio do xurado á Mellor curta de animación. Neste bloque tamén se proxectará Vision”, tema de Window Pane, realizado por Peque Varela, Premio do xurado ao mellor videoclip.

Na sesión do domingo 9 de xuño proxectaranse O que medra por dentro de Nacho Ozores, Premio AISGE á mellor interpretación masculina para Jaime OlíasDe repente, la noche de Cristina Bodelón e Ignacio de Vicente, Premio AISGE á mellor interpretación feminina para Marta Nieto, que contou tamén coa Mención Especial do xurado das veciñas e veciños; Homomaquia de David Fidalgo, Mención Especial do xurado de animación; O neno bonito de Fran X. Rodríguez, Premio do Público á mellor curta de ficción e, por último, o Premio do público de videoclips: “Mártires” realizado por Andreia Táboas para Xoana.

O prezo da entrada será de 4€ e o aforo da sala é de 70 persoas. Os interesados e interesadas en acudir a estas dúas sesións poden facer dende xa as súas reservas na Sala Ingrávida chamando ao número 986 331 622, na súa web (http://www.salaingravida.gal) ou a través de Ticketea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eight + five =