O Festival de Cans proxecta este domingo as obras gañadoras na súa XV edición

Este domingo, 3 de xuño ás 20h00, o público terá a última oportunidade de ver as curtas gañadoras na XV edición do Festival de Cans na Sala Ingrávida do Porriño.
 
As proxeccións contarán coa presenza de Álvaro Gago -director de Matria– e Hugo Amoedo -director de Europa-. Ademais, está prevista tamén a participación de directores doutras curtametraxes como Borja Santomé, que conversará cos presentes na proxeción vía Skype ao atoparse vivindo en Londres na actualidade.
 
Na proxección poderá verse Matria, de Álvaro Gago, a curta máis premiada da historia do festival de Cans, que nesta edición acadou: Premio do xurado á mellor curta, Premio do público, Premio do xurado dos veciños e Premio á Mellor interpretación femenina para Francisca Iglesias; El reloj, de Borja Santomé, Premio do xurado na categoría de animación; Europa, de Hugo Amoedo, a curta que inaugurou o palmarés de FuraCans (non ficción), ao facerse co Premio do xurado nesta mesma categoría; Afterwork, de Luis Usón e Miguel Aguilar, que fixo que por primeira vez unha curtametraxe de animación acadase o Premio ao Mellor guión -patrocinado por AGAG, Asociación Galega Sindical de Guionistas-; e The film machine, de Sonia e Miriam Albert Sobrino (Also Sisters), Premio do xurado á mellor realización, patrocinado por CREA, a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia. En Cans tivo lugar a estrea en Europa desta curtametraxe rodada en Utah (EEUU).
 
O prezo da entrada será de 4€ e o aforo de 70 persoas. Os interesados e interesadas en acudir poden facer xa mesmo as reservas na Sala Ingrávida chamando ao número 986 331 622 ou a través de Ticketea premendo no seguinte enlace: https://www.ticketea.com/entradas-cine-proxeccion-curtas-ganadoras-festival-de-cans-2018/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 × four =