O Festival de Cans ocupa a sexta posición como iniciativa cultural máis destacada de Galicia

O Festival de Cans ocupa a sexta posición como iniciativa cultural máis destacada de Galicia segundo un estudo levado a cabo pola Fundación Contemporánea e ademais convértese no evento audiovisual máis destacado da comunidade tamén segundo este estudo. Os resultados da consulta anual realizada pola citada fundación e impulsada pola empresa de xestión cultural La Fábrica, serven cada ano como instrumento para tomarlle o pulso ao sector e analizar, mediante opinións expertas, a actividade e tendencias culturais das diferentes comunidades autónomas e os acontecementos, institucións e eventos máis destacados do ano.

Se ben, a nivel español, os primeiros postos do ránking dos proxectos e institucións do 2016 están ocupados polo Museo do Prado, Museo Raíña Sofía, San Sebastián 2016 Capital Europea da Cultura, o Teatro Real, o Museo Guggenheim e o Festival de Cine de San Sebastián, na nosa comunidade o Festival de Cans posiciónase como o primeiro evento audiovisual de todos os que se celebran.

Os eventos, institucións e iniciativas máis destacadas en Galicia -catalogada como sexta comunidade autónoma con actividade máis innovadora dentro das 19 que conforman o estudo- son o Teatro Rosalía de Castro, o Culturgal, Womex, MARCO de Vigo, o CGAC, o Festival de Cans, o Festival Sinsal, o Resurrection Fest, a Cidade da Cultura, Cineuropa, o FIOT de  Carballo e a Real Filharmonía de Galicia.

Con este estudo constátase a atracción que o Festival de Cans espertou nos últimos anos, sendo foco de interese para estudos sectoriais e centros de análises culturais. Na actualidade, o festival está sendo analizado na tese doutoral sobre o evento que está realizando o investigador de estudos culturais Fran Núñez, dirixida polo profesor de Economía Aplicada da USC Fuco Sanjiao e que verá a luz nos próximos meses.

La Cultura en España 2016

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

six + one =