O FESTIVAL DE CANS E CARLIN ENTREGAN CHEQUES DESCONTO ÁS NENAS E NENOS DA ALDEA

O Festival de Cans entregou nestes días os cheques desconto para que as rapazas e rapaces da aldea que colaboran co certame, poidan canxealos por material escolar neste inicio do curso. Esta entrega é froito dunha colaboración que o festival asinou coa cadea de papelería Carlin, unha das firmas colaboradoras do certame.

En total, foron ata 24 rapazas e rapaces desde 8 a 18 anos, os que recibiron un cheque de desconto para mercar material escolar e de apoio didáctico por un valor de vinte euros.

Todas estas rapazas e rapaces colaboran co Festival de Cans, nun intento desde o certame de ir formando edición tras edición a este grupo de xóvenes que están chamados a asegurar o futuro organizativo do festival.

En cada edición, desde a organización convídase a participar a todas as nenas e nenos da aldea  que cumpriran 8 anos e queiran formar parte do festival. Todas e todos eles asisten a reunións previas coas súas nais e pais, onde se lles explican as cuestións xerais do festival, os aspectos básicos das diferentes tarefas a realizar e nocións que o festival se preocupa en inculcar como a igualdade, o respecto ó medio ambiente e a solidariedade entre compañeiras e compañeiros.

O primeiro chanzo no que colaboran na estrutura do festival é o de “guías de camiños”, orientando ó público no acceso ós diversos jalpóns ou sinalando as direccións dos diversos espazos de actividades, así como os lugares de arranque dos chimpíns. Cos seus característicos chaleques reflectantes, os guías dos camiños, desenvolven esta función ata os 15 anos, idade na que pasan a desenvolver outros cometidos dentro da estructura organizativa.

Cada ano van rotando por diversos departamentos como os jalpóns de proxeccións, as zonas de produción musical ou as de actividades, de xeito que pouco a pouco vaian tendo unha perspectiva completa do festival para, nun futuro cercano, incorporarse no núcleo permanente da organización do festival.

A entrega destes cheques de desconto en material escolar enmárcase dentro da idea da organización do Festival de Cans, onde a premisa é que calquera aportación que poida facer o certame redunde en aspectos como a educación e a cultura, sobre todo enfocado ós máis novos.

A entrega efectuouse no Torreiro de Cans, onde estivo presente Rosa Bernárdez, coordinadora das nenas e nenos do festival, así como os membros da organización Isaac Campos e Abel Gallego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

13 + 4 =