O Festival de Cans crea unha sección internacional e contará coa presenza de realizadores de Brasil, Líbano, Italia e Portugal

O Festival de Cans, que se celebrará entre os próximos 23 e 26 de maio, contará nesta edición con varias presenzas internacionais a través da súa sección ExtraCans, que se redefine para ser un espazo no que se buscará a conexión de creadores e creadoras galegos con directores e directoras doutros países. Realizadores de Italia, Líbano, Portugal ou Brasil mostrarán as súas curtametraxes no festival, todas co nexo en común de que o traballo de profesionais galegos foi determinante para sacar os traballos adiante.

As curtametraxes que o público poderá ver serán Mon amour, mon ami, do italiano Adriano Valerio, que xa pasou por festivais coma o de Locarno ou Venecia e contou co vigués Diego Romero Suárez-Llanos na dirección de fotografía; Tshweesh da directora libanesa Fayrouz Serhal, producida pola produtora galega Zeitun Films e polo produtor Felipe Lage, tamén seleccionada no pasado festival de Locarno; Claudia, unha curta do portugués Miguel Pereira e con dirección de fotografía do compostelán Sergio Boado que proximamente comezará a súa andaina polo circuíto internacional de festivais; e El concepto de ironía, do realizador brasileiro residente en Budapest Sousa Haz, que rodou unha personalísima curtametraxe en Croacia arredor da convivencia de dous artistas galegos.

Esta sección, polo tanto, amosará obras dunha enorme calidade artística e fará visible o traballo de profesionais galegos que desenvolven o seu traballo en diversos ámbitos do audiovisual, pero que a priori non terían cabida no Festival por non adaptarse ás bases do concurso de curtametraxes.