O Festival de Cans contará coa exposición “Outra pel, outro rostro” da fotógrafa Cris Andina

O Festival de Cans no seu intento de ter o cinema como punto de partida e achegar o festival a outras disciplinas, programa por primeira vez unha exposición fotográfica, que vai máis alá das datas principais do certame. Este mércores 15 de maio ás 19:30 horas inaugurarase a mostra “Outra pel, outro rostro” da ribadense Cris Andina. Un traballo, formado por máis de 30 retratos, que este fotógrafa realizou seguindo a numerosas actrices e actores para retratalos no intre no que pasan a barreira da caracterización e mudan de rostro para interpretar aos seus personaxes no escenario. Esta mostra, que estará dividida entre o Círculo Recreativo Cultural do Porriño e a Sala Ingrávida, é de entrada gratuíta e poderá visitarse ata o vindeiro 15 de xuño.

Cris Andina quixo homenaxear nesta exposición ao oficio da interpretación, facendo uns retratos que recalcan o uso do talento espido que despregan os profesionais do teatro no que adoita primar o espazo figurado fronte á propia personaxe. De aí a escolla da fotógrafa de realizar fotografías en branco e negro e sen artificios. Nela poderemos ver rostros habituais como Miguel de Lira, Melania Cruz, Javier Gutiérrez, Xosé A. Touriñán, María Vázquez, Serxio Pazos ou a Areta Bolado, Noelia Castro e Alién Kendelman da compañía teatral A Panadaría.

Máis información sobre Cris Andina aquí: https://crisandina.com e no seu Facebook.