O DOCUMENTAL “SAD HILL DESENTERRADO” PECHA ESTE DOMINGO O CICLO “CANS TODO O ANO”

O ciclo Cans todo o ano, que o Festival de Cans organiza durante todo o ano coa Sala Ingrávida e co CineClube Rebobina, chega este domingo 23 ás 19,00 horas á súa última proxeción do ano, e faino por todo o alto. Nesta ocasión o filme a proxectar será Sad Hill Desenterrado, un magnífico documental do vigués Guillermo de Oliveira, agora de plena actualidade despois de que a pasada semana fose proclamado finalista dos Premios Goya que terán lugar en febreiro.
Sad Hill Desenterrado, narra a fermosa historia do cemiterio construido para rodar as lexendarias secuencias do filme “O Bo, o feo e o malo” de Sergio Leone. Nesta impresionante historia, o director logrou entrevistar a lendas do cine como o compositor Ennio Morricone, o cantante de Metálica James Hetfield ou nada menos que o mesmísimo Clint Eastwood.
Na pasada edición de Cans, tivemos o privilexio de ver en exclusiva un avance das primeiras imaxes do filme, presentado polo propio director. Nesta ocasión será un luxo ter a Guillermo de Oliveira na sala, para manter un encontro co público, arredor deste filme que está tendo unhas inmellorables críticas.
O aforo da sala é limitado, por este motivo recomendamos mercar as entradas anticipadamente na web www.ticketea.com.