Nove curtas comporán FuraCans, a nova sección competitiva de non ficción do Festival de Cans

Por primeira vez na súa historia, o Festival de Cans incorpora na súa Sección Oficial unha competición de curtametraxes de non ficción, que leva o nome de FuraCans. Deste xeito, outorga un espazo preeminente a aqueles filmes que exploran as diferentes variantes do documental e o cinema experimental, dando un novo pulo a esta sección ofrecéndolle ao público de Cans unha mostra de pezas cheas de procura estética e con xeitos de narrar afastados do convencional.

A selección, que terá dous pases o sábado 26 na Casa de Mari, é ben variada e recolle a riqueza de fórmulas presente no Festival habitualmente a través de nove curtametraxes. Así, atopamos por unha banda aproximacións ao documental dende unha perspectiva social, como Marxes, de Sara Chuerches (que celebrará a súa estrea absoluta en Cans); ou La mujer invisible, a curta de Noemí Chantada gañadora de tres premios en Curtocircuito, froito dunha longa e sensible investigación sobre mulleres en situación de prostitución. Por outra banda, hai na escolma pezas que traballan con material etnográfico como Salitre nas veas, de Adrián CanouraRapa das bestas, de Jaione Camborda; ou Charkpen (esperanza) de Paulino Cadórniga. Se esta última ten un espírito fotográfico no seu rexistro dos pobos indíxenas Selk’nam en Arxentina e Chile, as curtas de Canoura e Camborda empregan recursos experimentais para achegarse ao traballo dos mariñeiros e á citada rapa das bestas respectivamente. Esta experimentación estética é común a pezas como Forest, de Guille Vázquez; ou Tiempo, de Alicia Alonso, que tamén se verá por primeira vez no Festival. Completan a selección dous filmes encadradas en proxectos ambiciosos dos seus autores: Americano, curta de Fon Cortizo sobre Emanuel Xavier, unha das voces máis representativas da escena Spoken Word de Nova York, que é parte do seu traballo prolongado arredor de poetas e o seu proceso creativo. Por último, Europa, de Hugo Amoedo, forma parte dunha “Triloxía Belga” deste cineasta galego que utiliza o formato do diario fílmico e que xa pasou por ZINEBI, ALCINE ou o OUFF.

Dende onte, xoves 26 de abril, as entradas para FuraCans están dispoñibles en tenda.festivaldecans.com a un prezo de 5 euros, e poderán retirarse durante o festival no posto de merchandising. Estas entradas darán acceso a un dos dous pases de FuraCans, que terán lugar o sábado 26 de maio na Casa de Mari, ás 17h00 e ás 20h30. O aforo é reducido, limitado só a 100 entradas para cada pase, polo que se recomenda adquirilas axiña.

‘El séptimo vicio’ instalarase en Cans

A programación do Festival vén de sumar outra presenza fundamental do mundo do cinema en España: Radio 3 fará unha programación especial en Cans para celebrar o 15º do certame. Javier Tolentino realizará tres días consecutivos en Cans El Séptimo Vicio, o programa de referencia dos cinéfilos e cinéfilas.

Esta exhaustiva e completa cobertura, da que normalmente só son obxecto os principais festivais internacionais, indica a cada vez maior relevancia do Festival de Cans no sector. O público poderá acceder á realización en directo de varios destes programas en lugares tan emblemáticos do Festival coma o Baixo do Moncho e gozar das entrevistas, encontros con cineastas e actuacións musicais deste espazo clásico da radio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3 × 4 =