Nove curtas compoñen FuraCans, a competición de non-ficción que se consolida no Festival de Cans

O Festival de Cans acolle por segundo ano dentro da súa sección oficial o bloque de FuraCans, a competición de non-ficción que se consolida nesta 16ª edición. Neste espazo, no que se poderá ver unha panorámica xeral do que están a realizar parte das xeracións máis novas do cinema galego , atoparemos obras actuais e arriscadas que exploran diferentes variantes do documental e do cinema experimental e que van á procura dunha mirada propia e persoal.

Nas nove curtas seleccionadas, que se proxectarán o sábado 25 de maio, emerxe o traballo dunha interesantísima xeración de realizadoras e realizadores nacidos, sobre todo, na década do 90. Así, atopamos propostas documentais como Hora silenciosa de Noelia Muíño, onde esta cineasta de O Pino que está a formarse na Universidade de Nova York nos introduce na vida das monxas de clausura do Convento de San Paio de Antealtares; ou En la boca de la mina do monfortino Brandán Cerviño, gravada na antiga cidade mineira de El Cobre en Cuba, país onde se formou e desenvolve a súa obra. Por outra banda, atopamos curtametraxes que se constrúen desde exploracións autobiográficas e o traballo cos recordos, como o videodiario 16-11-2016 / 13-5-2017 de Marta Valverde (que xoga coa pantalla partida para despregar apuntes diversos da súa vida), Devalar de Mar García (onde a cineasta retrata a súa aldea dende a visión da infancia), ou Cando mamá pechou as caixas de Arancha Brandón (que trata as dificultades ás que a nai da directora se enfronta cando decide pechar o negocio familiar).

A experimentación nas formas de narrar e a súa confluencia coas Belas Artes están presentes en Palmira de Rebeca Lar e In touch with the infinite de Alejandra Pombo. Se na primeira nos atopamos coa reconstrución da historia dunha antepasada curandeira da realizadora, a curta de Alejandra Pombo proponnos unha viaxe performativa cara os adentros da natureza. Ambas obras, que se poderán ver por primeira vez en Cans, están marcadas pola formación artística das súas autoras, a primeira centrada na auto-ficción e a segunda na auto-representación. Completan FuraCans as dúas pezas máis experimentais no visual e no sonoro, Cómo desaparecer, do vigués afincando en Barcelona Carlos Martínez-Peñalver, e Caerán lóstregos do ceode Adrián Canoura, unha curta que se sitúa entre a natureza e a mística, e que vén de gañar dous premios en FILMADRID e ser escollido pola prestixiosa crítica Nicole Brenez como un dos mellores filmes do 2018.

FuraCans está chamada a converterse nunha das grandes apostas desta XVI edición do Festival, un interese que se percibiu no aumento de curtametraxes recibidas –arredor de medio centenar de obras- das que só 9 entran a competición. As entradas para FuraCans están dispoñibles dende hoxe, martes 23 de abril, na tenda.festivaldecans.com a un prezo de 6 euros. Estas entradas darán acceso as proxeccións das curtas de non-ficción, que terán lugar o sábado 25 de maio, podendo elixir entre a sesión matinal ou sesión de tarde. O aforo é reducido, poñeranse 180 entradas para o pase de mañá e 90 para o de tarde, polo que se recomenda adquirilas axiña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twenty − ten =