Montxo Armendáriz, a conmemoración dos 15 anos da catástrofe do Prestige e Corizonas, protagonistas desta edición do Festival de Cans

DESCARGA AQUÍ O DOSSIER COMPLETO CON TODA A PROGRAMACIÓN

 

O Festival de Cans chega nesta 14ª edición reforzando eixos fundamenteis da súa programación ao potenciar a liña dos coloquios e encontros e abríndose a outras discilplinas como a gastronomía, as artes plásticas ou a literatura, que confluirán na parroquia porriñense dende o 24 ao 27 de maio. A presentación desta edición tivo lugar esta mesma mañá na Casa do Cid coa presenza de Lourdes Moure -concelleira de Educación do Concello de Porriño-, Jacobo Sutil -director da Agadic-, Xosé Leal -deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra- Hugo Pérez -brand manager de Mahou para Galicia-, Alfonso Cabaleiro -director de Galicia Calidade-, Isabel Blanco -actriz e delegada de Aisge en Galicia-, César Goldi -actor e membro do xurado das curtametraxes- e Alfonso Pato -director do Festival de Cans-.

O certame continúa adaptándose ano tras ano ás novas necesidades e demandas do público, polo que contará nesta edición cun xoves de Festival especialmente reforzado no tocante a contidos. A Praza do Concello do Porriño e a súa contorna serán testemuñas da Can Parade para implicar máis á veciñanza, tal e como apuntou Lourdes Moure, pero tamén da música dos irmáns Electric Feels ou o concerto da banda Escuchando Elefantes. Ademais, os cociñeiros Mahou Inés Abril e Rafa Centeno -do restaurante Estrella Michelín Maruja Limón- ofrecerán “Tapas de cine” ao público asistente mesturando cinema e produtos do país. Nesta xornada do xoves 25 tamén se desenvolverá no Bar Liceum do Porriño o I Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips do Festival de Cans, ao que se lle suman coloquios que terán lugar durante o Festival coma o habitual Café con CREA -que contará como convidado especial nesta ocasión con Guillermo García, director do documental Frágil equilibro e gañador dun premio Goya-, o II Encontro de curtametraxistas no Espazo Mahou na Leira de Alicia. Ademais súmanse a estas actividades as visitas de actores e actrices de AISGE -tal e como comentou Isabel Blanco– que recibirán cada mañá os asistentes ao Festival ou o xa tradicional Coloquio na Leira, que nesta ocasión terá como protagonista ao cineasta Montxo Armendáriz. Armendáriz, un director que foi galardoado en dúas ocasións co premio Goya e estivo nomeado nunha ocasión aos premios Oscar na categoría “mellor filme extranxeiro” por Secretos del corazón, será nesta ocasión o encargado de encher a Leira de curiosos.

Tanto Jacobo Sutil coma Xosé Leal celebraron o entendemento das institucións e as empreas privadas coa organización para levar a cabo o Festival. “Cans produce un enorme impacto na súa contorna, integra á veciñanza e faina partícipe. Esa é unha das claves do seu éxito”, comentou Sutil. Alfonso Calabeiro, director de Galicia Calidade, aproveitou a súa presenza para lembrar o momento no que Alfonso Pato lle presentou a súa idea de Festival hai catorce anos remarcando que “as realidades primeiro son soños”.

A Leira de Alicia e o Espazo Mahou

O Jalpón de Alicia, contiguo á coñecidísima Leira, terá unha programación especial que fusionará música con audiovisuais ao acoller unha escolma dos mellores videoclips de Eladio y los Seres Queridos e a estrea mundial do novo videoclip de Terbutalina “Ninguén che quere”, que formará parte de “Sonido Esteiro“, o seu próximo traballo. O director do Festival, Alfonso Pato, salientou que este ano o certame terá un especial oco para pezas audiovisuais relacionadas coa catástrofe do Prestige como Crebinsky -de Enrique Otero-, Carcamáns -de Marcos Nine-,Man -Manuel Abraldes-, ou Toxic percebe -de Xabier Jácome-. Ademais para lembrar a efeméride destes 15 anos do Prestige, estrearase tamén nesta edición do Festival o documental inédito Mar de fondo, do cineasta Dani Guzmán, que foi gravado durante unha estadía súa en Galicia no 2002 tras o accidente.

A música segue estando na primeira liña do Espazo Mahou na Leira de Alicia, comentou Hugo Pérez, véndose incrementada nesta edición con León Benavente, Eladio y los Seres Queridos, Edu Romero ou Nico Pastoriza na súa faceta de DJ’s pero tamén invadirá por completo o Torreiro cos concertos de Corizonas, Adrián Costa & The Criers, Familia Caamagno ou Terbutalina. Ritmos dos anos 60, pop, indie, punk e rock and roll para non deixar indiferente a ninguén.

Os nenos e nena cobran cada vez máis protagonismo en Cans, feito que celebrou o actor César Goldi durante a súa intervención, e por iso reforzamos a programación infantil, que segue medrando con proxeccións, música e obradoiros. Os máis pequenos terán actividades no Cuberto do Pato, no Baixo de Carlos e o parque do río, onde poderán gozar da Caixa de Mistos, da música de “O Trío do Acivro”, a voz de Suso Vaamonde musicando poemas de Neira Vilas nas súas “Cantarolas para xente miúda” ou do espectáculo de Polo Correo do Vento, no que os máis pequenos poderán aprender como levas debuxos ao cinema a través dun storyboard.

Resumímosvos algunhas das principais novidades deste ano, que podedes ampliar no dossier de prensa do festival:

  • Un ano máis a competición oficial de curtametraxes do Festival de Cans está marcada por directoras e directores que crean desde o éxodo, pero tamén por algúns creadores que xa tocaron o éxito do Can de Pedra de Cans. Nesta ocasión berramos ben alto que conseguimos un fito histórico no Festival: paridade total entre pezas realizadas por mulleres e homes. O concurso ven variado e axustado.
  • Traemos unha sección de animación máis fresca e con máis realizadores e realizadoras novos ca nunca. Xuntamos a debuxantes consagrados ao carón dunha nova camada de creadores saídos de diversos centros de estudos galegos, o futuro do sector.
  • Hai dous anos, Cans estreou unha sección que era unha aventura arriscada: propoñerlle a un director ou directora que contase os segredos da súa película, en tempo real, falando cun micro ao mesmo tempo que transcorre a proxección. Se o ano pasado foi o turno de Dani de la Torre rebobinando El Desconocido, agora chega a quenda de Manane Rodríguez con Migas de Pan.
  • Ademais, proxectaremos varios documentais como Esquece Monelos e o filme de animación para nenos Linko.
  • Coma sempre, nunha das seccións máis populares e emblemáticas do festival, faremos un seguimento dos Fill@s de Cans. Nesta edición poderemos ver imáxes inéditas de Los desorientados -de José A. Quirós-, Trinta lumes -de Diana Toucedo-, Día de muertos – Carlos Gutiérrez e Mamen Quintas-, Dorian Yates -de Luis Solarat-, Unicorn Wars -de Alberto Vázquez- e Fuller Roller Derby -de Ángel Manzano-.
  • En A que andas?, o apartado no que, xunto á Asociación Galega de Guionistas, descubrimos que teñen entre mans Enrique Otero, Andrea Zapata Girau, Antonio Rodríguez e Oubin Hellot, as Also Sisters e Isabel Ayguavives.
  • Botarémoslle unha ollada á literatura afondando no fenómeno dos “booktrailers”, e cun roteiro cinéfilo-literario no que o escritor Carlos Meixide guiará aos asistentes a través dos emprazamentos do seu último libro, “Cans”.

Venda de entradas

O Festival abrirá o próximo xoves 11 de maio ás 10h00 o segundo prazo de venda de entradas que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 27 de maio. As entradas, que se poderán adquirir ata o día 17 de maio, terán un custe de 12€. O lugar de recollida será  o posto de merchandising do festival durante o venres e o sábado do evento. Ademais, os compradores poderán recoller tamén de forma gratuíta durante os días do festival o catálogo con información ampliada de todas as actividades.

Nesta ocasión tamén estarán á venda entradas simples para actividades individuais como a proxección de Mar de fondo (100 entradas, 3€), a proxección de Linko (75 entradas, 3€) o espectáculo de Polo Correo do Vento (50 entradas, 3€), o espectáculo de O Trío do Acivro (50 entradas, 3€), a proxección de Frágil equilibrio con concerto de Uxía (60 entradas, 5€) e a escolma de pezas audiovisuais de Radio Océano con actuación da banda (60 entradas, 5€).

O resto das entradas venderanse o día 19 de maio ás 19h00 no Torreiro de Cans. Estarán á venda entradas de todo tipo, no caso de estar aínda dispoñibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

four × two =