Miguel de Lira, Jorge Coira e Feliciano Bernárdez “Xano” serán os homenaxeados do Festival de Cans

Miguel de Lira recibirá o Premio Pedigree 2017 polo seu compromiso coa sociedade, a cultura do país e por ser imprescindible no panorama audiovisual galego actual. Os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime” deste ano son para o director, guionista e montador Jorge Coira e o veciño Feliciano Bernárdez “Xano”, chimpineiro de maior idade do festival con 77 anos.

A asemblea da Asociación Arela decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2017, o seu máximo galardón honorífico, ao actor Miguel de Lira (Lira, 1964), un deses intérpretes que medraron á par que o fixo o audiovisual propio de Galicia. Fiel seguidor e difusor do Festival de Cans desde a primeira edición, Cans quere contribuír deste xeito a recoñecer o traballo dun actor que consideramos imprescindible no panorama do audiovisual galego actual.

Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, a Jorge Coira, profesional do sector audiovisual que ten traballado no espallamento, difusión e fomento do Festival de Cans participando nel en pasadas edicións como xurado ou como ponente en “Cans do futuro” ante as novas xeracións de creadores e creadoras, e a Feliciano Bernárdez “Xano”, o chimpineiro máis veterano de todos os que levan a cabo esa tarefa no festival. Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 26 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación de estrela de Miguel de Lira.