Matria bate récords e faise con catro premios no 15º Festival de Cans

O Festival de Cans entregou hoxe, na gala final do seu día grande, os premios correspondentes á súa 15ª edición. A curta Matria, de Álvaro Gago, fixo historia ao converterse na primeira en acadar catro premios en Cans: mellor curtametraxe de ficción, premio do público, premio AISGE á mellor interpretación feminina (para Francisca Iglesias) e premio do xurado dos veciños. Estes galardóns súmanse ao xa impresionante percorrido por certames internacionais deste relato dun día na vida de Ramona, unha muller que se refuxia na relación coa súa filla e a súa neta diante do seu duro traballo nunha conserveira e a falta de comunicación co seu marido. Álvaro Gago repite así éxito en Cans, onde xa gañou o premio a mellor curta por Curricán en 2015. 

Entre o resto do palmarés destaca o gran nivel da sección de Animación, de onde dúas das películas levaron premios nas categorías xerais: o premio AGAG a mellor guion (Luis Usón por Afterwork) e o da mellor banda sonora orixinal (Raúl Costafreda por Sea). Así e todo, foi El reloj, de Borja Santomé, a que se alzou co premio a mellor curtametraxe animada.

Europa, de Hugo Amoedo, abriu o palmarés de FuraCans, a nova categoría competitiva do Festival para filmes de non ficción. Completan o palmarés as Also Sisters (Premio CREA á mellor realización), Eloi Sánchez Palau (Premio AISGE á mellor interpretación masculina por Después de la bandera) e dúas mencións especiais dos xurados: A cat in the window, de Félix Brixel (en ficción) e La mujer invisible, de Noemi Chantada.

PALMARÉS COMPLETO DA 15ª EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS
 

 

– Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción: Matria, de Álvaro Gago, “pola súa incontestable contundencia e sensibilidade”.

– Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación: El reloj, de Borja Santomé, “polo universo de sensacións que crea”.

– Premio do xurado á mellor curtametraxe de non ficción (FuraCans): Europa, de Hugo Amoedo, “pola súa urxencia de contar, pola necesidade de filmar, pola súa liberdade narrativa e polo seu grao de reflexión formal sobre a linguaxe cinematográfica”.

– Premio do público á mellor curtametraxe: Matria, de Álvaro Gago.

– Premio do xurado dos veciños e veciñas á mellor curtametraxe: Matria, de Álvaro Gago, “por retratar unha realidade próxima e invisibilizada, por presentar a unha muller que loita contra a adversidade e por facelo de maneira que calquera persoa pode identificarse co seu sacrificio e xenerosidade”.

– Premio AISGE do xurado á mellor interpretación masculina: Eloi Sánchez Palau, por Después de la bandera, “por trasladar de forma elocuente o xogo arriscado da película”.

– Premio AISGE do xurado á mellor interpretación feminina: Francisca Iglesias, por Matria, “por conseguir dende a naturalidade unha interpretación excepcional”.

– Premio CREA do xurado á mellor realización: Miriam Albert Sobrino e Sonia Albert Sobrino (Also Sisters) por The Film Machine, “por xogar habilmente coa linguaxe cinematográfica”.

– Premio AGAG do xurado ao mellor guion: Luis Usón por Afterwork, “por mostrar de forma brillante unha realidade contemporánea pervertendo clásicos da animación”.

– Premio do xurado á mellor banda sonora: Raúl Costafreda por Sea, “por mergullarnos no seu mar de area”.

– Premio do xurado ao mellor videoclip: “Omertá”, de Gero Costas para BALA, “por plasmar o espírito do grupo, integrando a imaxe e a canción, transmitindo moita forza, enerxía e visceralidade a través dun estilo directo”.

– Premio do público ao mellor videoclip: “Sobre el mismo alambre”, de Miryam Pato para Silvia Penide con Eladio Santos.

– Premio da Can Parade: Jessica Ramilo, “Jess”.

– Mención especial do xurado de ficción: A Cat in the Window, de Félix Brixel, “por mostrar con sinxeleza o complexo”.

– Mención especial do xurado FuraCans (non ficción): La mujer invisible, de Noemi Chantada, “por poñer voz e rostro ao que está na sombra e por subliñar o xesto político inherente á creación cinematográfica”.