Marlango e The Legendary Tigerman, primeiras confirmacións musicais do Festival de Cans

O Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio, presenta hoxe un avance de dous dos concertos fortes da súa programación. Unha das novidades importantes deste ano é a remodelación do espazo da Leira da señora Alicia, que pasará a chamarse Espazo Estrella Galicia, en referencia ao novo patrocinador principal que se incorpora ao festival nesta XVI edición. O concerto de Marlango terá lugar o venres 24 de maio ás 20h30 horas neste espazo. O grupo musical liderado pola actriz Leonor Watling e o músico Alejandro Pelayo interpretará as cancións do seu último disco Technicolor. Un traballo musical inspirado en épocas pasadas no que cada canción parece saída da banda sonora dunha película, pero cun son –construído a base de metais, cordas, percusión, piano e voz– que resulta totalmente cru, real e contemporáneo.

Leonor Watling, cunha traxectoria de catorce anos á fronte de Marlango, desenvolveu sobre todo a súa carreira como actriz ás ordes de directores como Bigas Luna, Pedro Almódovar, Álex de la Iglesia ou Isabel Coixet. En recoñecemento a súa traxectoria no mundo do cine o Festival de Cans convidará a Leonor Watling a deixar a súa pegada no Torreiro das Estrelas.

A entrada para a actuación do grupo Marlango será gratuíta previa retirada da pulseira de acceso no posto de información do festival. Debido ao aforo limitado do espazo, entregaranse un total de 500 pulseiras que se poñerán a disposición do público dúas horas antes do concerto. Non se admitirán reservas e só se entregará unha pulseira por persoa e por orde de solicitude. 

O Espazo Estrella Galicia converterase nun dos puntos de encontro máis importantes entre profesionais do sector e o público ao acoller, ademais do concerto de Marlango, o Coloquio na Leira, unha das actividades máis agardadas do sábado 25 de maio, o día grande do Festival de Cans. Un encontro que protagonizará un director de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional que se dará a coñecer nos vindeiros días.

The Legendary Tigerman e BFlecha completan as actuacións do venres

The Legendary Tigerman, o proxecto musical do portugués Paulo Furtado, será outra das actuacións claves do festival. A proposta de The Legendary Tigerman, que vén nesta ocasión acompañado con banda, xira cara un estilo punk rock escuro no seu último traballo Misfit, disco que presentará en Cans. O seu concerto será gratuíto e terá lugar o venres 24 de maio no Torreiro ao rematar a entrega do Premio Pedigree que nesta 16ª edición se lle entrega ao actor Carlos Blanco.

Paulo Furtado (máis coñecido como Tigerman) é un artista inquedo que nos últimos anos afondou no mundo do cinema, onde en relación á súa música, dirixiu e guionizou un conxunto de pezas en súper-8 incluídas dentro de Femina –un traballo que foi disco de platino en Portugal e que acaba de cumprir dez anos–. Furtado presentará en Cans parte deste proxecto cinematográfico-musical, en homenaxe as mulleres e ao rock, que tivo gran repercusión internacional e no que dirixiu e gravou a actrices e cantantes como a icónica María de Medeiros, a actriz italiana Asia Argento ou a cantante canadiana de electrónica Peaches. 

Furtado ten traballado tamén con realizadores do cinema portugués máis actual como Rodrigo Areias e Pedro Maia. Antes da súa actuación o artista presentará no Festival de Cans Fade into nothing, a opera prima de Maia realizada en colaboración co propio Furtado e a fotógrafa Rita Lino. Unha longametraxe, guionizada e protagonizada por el mesmo, que foi rodada no deserto de California durante a súa estancia nos Estados Unidos en paralelo á gravación do seu último disco Misfit. Fade into nothing é un road-trip en forma de falso diario que conta a historia dun home que busca desaparecer, unha peza con música e imaxes fascinantes e hipnóticas na que a figura humana desaparece e se funde na paisaxe. Esta película terá en Cans a súa estrea en España logo de pasar por festivais como o IndieLisboa en 2017.

As actuacións fortes do venres noite complétanse coa presenza de BFlecha, o proxecto de música electrónica da viguesa Belén Vidal, que estará no escenario do Torreiro en formato DJ Set ao remate do concerto de The Legendary Tigerman.

Actuacións no Invernadorio no día grande do festival

Os nomes de Marlango, The Legendary Tigerman e BFlecha veñen a sumarse as actuacións musicais confirmadas para esta XVI edición: a presentación do disco Fulgor de Xosé Manuel Budiño, a estrea en Galicia do espectáculo Melancoholemia de Antón Reixa e o concerto de Chisme en conxunto coa proxección da película SYD de Fernando Epelde. A venda das entradas para asistir o sábado 25 de maio a estas actividades que se celebrarán no Invernadoiro de Mucha de Peso aínda están dispoñibles na tenda.festivaldecans.com a un prezo de 5 euros cada unha (prazas moi limitadas).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

six + eight =