Manuel Lourenzo, Berta Ojea, Borja Cobeaga ou Nieve de Medina protagonizarán varios dos coloquios do Festival de Cans

O Festival de Cans fará na súa 15ª edición unha gran aposta polos coloquios e encontros co público, que terán lugar no histórico Baixo do Moncho nas mañás que van do mércores 23 ao venres 26 de maio, sempre ás 11:30 horas (entrada libre ata completar un aforo máximo de 125 persoas).

Numerosas personalidades relevantes do mundo do audiovisual, que van desde actrices e actores ata directores e profesores, estarán presentes nestes coloquios, concibidos para abordar e poñer diante do público temas de actualidade que afectan ao mundo do cine, pero tamén á sociedade en xeral. Os coloquios de AISGE -promovidos co apoio da Fundación AISGE, que rexe os dereitos de actrices e actores- serán un dos grandes atractivos das matinais do Festival de Cans.

O mércores, 23 de maio, estes encontros abriranse cun coloquio sobre pioneiros no oficio da intepretación, onde se analizará a evolución da profesión de actriz e actor nas últimas cinco décadas. A presenza de Manuel Lourenzo, agora nun momento de gran popularidade polo seu papel de Vicente Otero “Terito” na serie Fariña, será un dos grandes atractivos destes coloquios. Máis aló de estar de actualidade, Lourenzo é unha figura dunha extraordinaria dimensión, tanto como dramaturgo, como ensaísta ou como actor nas orixes do teatro galego, e un gran narrador á hora de contar anécdotas arredor da súa ampla traxectoria. Neste coloquio, estará acompañado de Pilar Pereira, unha das actrices galegas de máis longa traxectoria, con multitude de papeis en máis de 50 anos de carreira en teatro e cine, incluíndo numerosas curtametraxes.

O xoves, 24 de maio analizaranse as desigualdades entre actrices e actores e o debate que se está producindo sobre todo nos últimos meses, coas actrices Berta Ojea, Tamara Canosa e Mariana Fernández como relatoras. Berta Ojea é unha actriz de amplísima traxectoria que acadou gran popularidade no cine co papel de Ofelia no filme La gran aventura de Mortadelo y Filemón de Javier Fesser, mais tamén unha profesional de referencia en ámbitos de igulaldade, desde a Secretaría de Igualdade que ocupa na Unión de Actores y Actrices. Pola súa parte Tamara Canosa, que acaba de rodar o filme Trote con Xacio Baño e participou en filmes como Pradolongo, co que acadou un Mestre Mateo á mellor actriz, é unha destacada activista na defensa dos dereitos das mulleres no audiovisual, ademais de ser a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual. O coloquio complétase coa presenza de Mariana Fernández, agora presente na serie Fariña, pero tamén moi popular polo seu papel de Maribel en O Show dos Tonechos. Mariana Fernández é ademais profesora da Universidade de Vigo, onde imparte clases de dirección escénica.

Por último, o venres 26 de maio, os Coloquios de AISGE estarán dedicados ao acoso sexual, tratando de analizar este tabú que se está derrubando desde hai uns meses. As actrices Nieve de Medina, coñecida por filmes como Los lunes al sol e El Bola, Nieves Rodríguez, Presidenta de AAAG (Asociación de actrices e actores de Galicia) e Isabel Blanco, delegada en Galicia de AISGE e Chimpín de Prata deste ano en Cans, protagonizarán o terceiro destes encontros.

Borja Cobeaga estará no Café con CREA e Alfonso Zarauza e Álvaro Gago no encontro sobre subtitulado e accesibilidade

Por outro lado, na mañá do venres 25 de maio ás 10,00 da mañá, terá lugar no Baixo do Moncho o xa consolidado Café con CREA, promovido en colaboración coa Asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia e aberto a todo o público que desexe asistir. Nesta ocasión, o convidado será o guionista e realizador vasco Borja Cobeaga, que vén de dirixir Fe de etarras, pero anteriormente tamén outros filmes coñecidos como Pagafantas ou Negociador. Cobeaga tivo ademais un enorme éxito como guionista ao ser coautor do guión do popular filme Ocho apellidos vascos. Anteriormentetivo unha prolífica carreira como curtametraxista e incluso estivo nominado aos Oscar coa súa curta Éramos pocos.

O xoves 24 tamén terá lugar un interesante coloquio sobre o proceso do subtitulado e as posibilidades de accesibilidade a través dos subtítulos. O realizador e profesor da Universidade de Vigo Pablo Romero-Fresco estará neste coloquio cos realizadores Alfonso Zarauza e Álvaro Gago, recentemente premiado en Sundance pola súa curta Matria. Ambos cineastas filman habitualmente en galego e debatirán sobre as posibilidades, ás veces inexploradas, do subtitulado.