Joao Tomba, o regreso

Como xa avanzamos a Leira de Alicia cobra protagonismo nesta edición coa acollida do Espazo Mahou, unha zona con carpa e escenario, pensada para a conversa tranquila onde, ademais do habitual coloquio cun ou unha cineasta e outras actividades relacionadas co audiovisual, haberá varias actuacións musicais relacionadas coas proxeccións do Jalpón de Alicia. Un destes concertos será o do mítico Joao Tomba, do que previamente coñeceremos a súa historia coa presentación do documental “Joao Tomba, el regreso”, dirixido por Alberto S. Lozano.

Joao Tomba é o nome tralo que se agocha Israel Ruiz (Indy Tumbita), membro de bandas como Pedrito Diablo & Los Cadáveras, Los Profesionales, Los Villanos de Boraville ou Thee Tumbitas, para levar a cabo o seu proxecto máis orixinal e gamberro. Preséntase en solitario, tan só acompañado por un radiocassette, a súa orquestra TDK, que soa mentres el toca a guitarra, canta, suplica e ouvea. A súa é unha música influenciada por Alan Vega, Alex Chilton ou Burning. Cancións de amor desesperadas, desgarradas, mesmo apocalípticas, pero abordadas sempre desde unha perspectiva divertida.

O show en directo xira ao redor da suposta vida de Joao Tomba nos anos 50 cando era unha prometedora estrela do rock vigués, pero ao que desgraciadamente lle chegou a súa hora antes do desexado nunha estúpida carreira de coches. Agora, en pleno século XXI e reencarnado en Indy Tumbita, pide unha segunda oportunidade para amosarlle ao mundo o seu rock and roll. Neste relato céntrase o documental que se proxectará antes do concerto no Jalpón de Alicia. Nel colaboraron numerosos músicos moi coñecidos de bandas como Siniestro Total ou Los Coronas, que aparecen na cinta achegando a súa particular versión dos feitos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

three × five =