Hoxe comeza o XIV Festival de Cans

Hoxe arrinca a XIV edición do Festival de Cans na que, dende o 24 ao 27 de maio, a parroquia porriñesa se convertirá no epicentro do noso audiovisual. Serán catro días de celebración arredor da música e o cine nunha das edicións do certame con máis carga social e máis multidisciplinar na súa programación, que este ano reforza as actividades adicadas á literatura ou á gastronomía. A primeira xornada será, un ano máis, o Día dos Veciños e Veciñas, con actividades protagonizadas e dirixidas á xente de Cans. Tamén arrinca mañá Cans do Futuro, a actividade do festival ideada para os escolares, e inauguramos os Coloquios con Aisge co Taller da memoria”, que recuperará as vivencias de algúns dos actores pioneiros do teatro e a televisión en Galicia. Manuel Lourenzo, Xan Cejudo, Pirula Expósito e Pilar Pereira estarán neste encontro co público acompañados do actor Juan Jesús Valverde -coordinador deste obradoiro- e Isabel Blanco -delegada de Aisge en Galicia-.

O Festival de Cans non sería posible sen o papel que cada ano xogan os seus veciños e veciñas. Dende os máis novos que se converten nos “Guías dos camiños” ata os máis veteranos que levan anos prestando as súas propiedades e poñendo o seu traballo a disposición de todo o mundo. A xente de Cans é ademais protagonista activa no festival, participando en producións audiovisuais e actuacións musicais, recibindo premios e homenaxes, traballando na equipa organizadora, ou decidindo que curtas merecen o recoñecemento da veciñanza. Este ano os encargados desta labor serán cinco persoas ben coñecidas na parroquia:

  • Jesusa Fortes, “Susa do Barbado”. Susa ten 74 anos e é taberneira xubilada. Estivo ó fronte do histórico Bar Barbado, no barrio dos Eidos.
  • Milagros Ramilo, “Milagros de Ramilo”. Milagros ten 73 anos e traballou como ama de casa e foi tamén emigrante en Francia. Representa ó barrio da Graña.
  • María Rodríguez Campos, “Maruja da Capilla”. Naceu no barrio da Pedreira, debaixo do Monte Castelo. Ten 66 anos e é xubilada de Frigolouro, onde traballou toda a vida.
  • Ramón Areal Quintas, “Moncho de Perucho”. Ten 46 anos e é carpinteiro de aluminio. É do barrio da Buraca.
  • Sandra Carballo. Ten 24 anos, traballa como auxiliar de enfermería e vive no barrio dos Eidos.

Roteiro, proxección de booktrailers e “Esquece Monelos”
Na pasada edición do Festival convidamos a Carlos Meixide, escritor, xornalista e humorista a que nos visitase para ofrecer a súa particular “mirada de cans”. Bo coñecedor do festival, visitounos en calidade de escritor e publicou posteriormente unha nova aventura da súa particular saga de literatura xuvenil titulada “Cans”. Agora, Meixide volve á parroquia para guiar a todos os asistentes nunha visita que partirá da rotonda do Can mañá ás 11h00 e terá diversas paradas nos diferentes puntos nos que os protagonistas do libro viviron as súas particulares aventuras.
A tarde comezará ás 16h00 no Baixo de Bugarín para proxectar unha escolma dos últimos booktrailers  que están a facerse no país, e continuará ás 17h00 coa proxección do filme “Esquece Monelos”, a primeira longametraxe da directora Ángeles Huerta, vella amiga de Cans e gañadora dunha Mención Especial do Xurado na última edición de DocumentaMadrid.

“Hoxe non é un soño” e “Querida Utopía”

Nesta edición as veciñas e veciños de Cans volveron lanzarse de novo á creación audiovisual no proxecto Cans 303 e coordinados polo porriñés Juanma Lodo. O resultado final leva por nome “Hoxe non é un soño”, e nel trátase o fenómeno da emigración a través das lembranzas e vivencias de José Quintás Sánchez, Pepe, veciño de Cans que emigrou a Venezuela cando só era un neno. O testimonio de Pepe mesturase cas lembranzas de Alicia, nai de Pepe e co traballo escolar realizado por Raúl Rodríguez Fernández. Ademais, nesta Noite dos Veciños, tamén poderemos ver un avance do documental Querida Utopía arredor da figura do filósofo e profesor natural de Cans, Francisco Fernández Buey.

Consulta toda a programación aquí.