O Festival de Cans viaxa este venres ata a Sorbona de París

O Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio, porá nesta 16ª edición o foco de atención na súa internacionalización. Esta vontade, presente na imaxe gráfica e no lema deste ano, márcase na idea de ir abrindo unha fiestra para aumentar a presenza de realizadoras e realizadores doutros países , e tamén no traballo da súa proxección cara o exterior.

Neste aspecto, as curtas gañadoras da pasada edición proxectaranse este venres 12 de abril no I Festival de Curtamentraxes Galegas que se organiza na histórica Universidade da Sorbonne de París. No marco desta actividade proxectarase a curta Matria de Álvaro Gago, finalista nos premios Goya e galardoada na pasada edición do Festival de Cans con catro premios, entre eles, o de mellor curta de ficción, e El Reloj de Borja Santomé, que acadou o premio á mellor curta de animación. Ademais, o público poderá coñecer e achegarse máis á historia do Festival de Cans a través da proxección do documental Catorce Cans, dirixido pola realizadora Isaura Docampo.

Estas proxeccións, que contará coa presenza de Alfonso Pato, director do Festival de Cans, ubícanse dentro da actividade “Cans itinerante”, unha aposta do festival por artellar un circuíto arredor de diferentes cidades europeas para visibilizar o traballo das novas e novos directores de Galicia no ámbito internacional. As curtametraxes gañadoras, que chegan mañá venres a París, veñen de pasar xa por Lisboa e agárdase que nos próximos meses cheguen tamén ao público en Londres e Bruxelas.

A piques de esgotarse os primeiros packs de entradas

Este martes abriuse a venta anticipada de entradas a través da nosa tenda online [http://tenda.festivaldecans.com/], que está tendo unha gran acollida. Arredor da metade dos 450 packs de camiseta e entrada para as seccións de ficción e animación do Festival de Cans están xa vendidos, cos da sesión matinal, para a que había 150 dispoñibles, a piques de esgotarse.

O prezo de saída destes packs está en 20 euros máis 1,50 euros por gastos de xestión, o que supón un aforro de 5,5 euros con respecto ao custe dos artigos por separado. O prazo para mercar estes packs de entrada anticipada, camiseta, programa de man e chapa de regalo remata o próximo 28 de abril.

Nesta 16ª edición a organización do Festival de Cans decidiu reformular os horarios de tarde para as seccións a concurso de ficción e animación, que terán lugar entre as 16h30 e as 20h30. Desta forma, todas as proxeccións concentraranse antes do concerto de tarde no Torreiro, co obxectivo de que o público quede libre despois e poida asistir a outras actividades do festival.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

three × one =