Escena 1, toma 2, acción!

Un ano máis volvemos estimular ás veciñas e veciños de Cans para que se lancen á produción audiovisual. Alentamos a un grupo de dez persoas entre os 12 e os 60 anos a desenvolver un proxecto que ten como obxectivo recuperar a memoria cotiá da parroquia. A iniciativa levarase adiante en diferentes fases, das cales a primeira, de formación, culmina hoxe.

Durante todos os sábados do mes de febreiro estes dez veciños e veciñas asistiron a un curso de técnicas de gravación, edición e montaxe impartido polo realizador porriñés Juanma LoDo, moi ligado a Cans e o Festival con traballos propios como “O túnel do tranvía de Mondariz”, “A carretera de Cans” ou “Cans do futuro”. Como el mesmo explica, “o que se pretende é que teñan un achegamento á gramática visual e que adquiran os coñecementos e técnicas básicas para a produción dun proxecto audiovisual completo”.

A partir de agora este novo equipo deberá lanzarse á aventura e continuar co desenvolvemento de todas as fases de traballo, dende a concreción da idea, pasando polos procesos de investigación, documentación, estruturación de contidos, realización dun guión flexible e planificación da rodaxe, para chegar á gravación, montaxe e presentación do resultado final na vindeira edición do Festival de Cans. Durante todo este proceso seguirán contando co apoio, guía e asesoramento de Juanma LoDo.

Xa temos ganas de ver as primeiras imaxes!

Curso de edición e montaxe 007

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

two × two =