Dalle caña ás curtametraxes

Repasamos o programa de mañá, día grande do festival. En total este ano participan 18 curtametraxes na sección oficial a concurso, que nos demostran a fecunda realidade do noso audiovisual. Recuperamos a sección de animación e descubrimos unha canteira de directores e directoras que crean desde o éxodo en Bruxelas, Londres ou Lisboa. Por primeira vez haberá un encontro con todos eles na Leira de Alicia-Espazo Mahou. É o Dalle Caña, un coloquio cun formato informal no que presentarán a súas producións e debaterán sobre a aventura de iniciarse no audiovisual.

Nun dos espazos de programación paralela do certame, o Jalpón de Alicia, inauguramos sección: “Retratos de Familia”. Nela recóllense as obras dunha serie de creadores e creadoras novos que afondan no entrono familiar para crear unha cinematografía non convencional, experimental, arriscada e con moita dor persoal.

Alí mesmo presentarase o novo videoclip dos Diplomáticos de Montealto, “A Rabaleira”, dirixido por Pulpiño Viascón; o documental Joao Tomba, el regreso, de Alberto S. Lozano e que relata a estraña historia deste mítico músico e os seus vínculos co rockeiro vigués Indy Tumbita; e catro pezas inéditas dos grupos da Compostela Yeyé dos 50-60, recuperadas por Alfonso Espiño.

O día grande máis multidisciplinar
Podemos afirmar que a de 2016 é a edición máis multidisciplinar da historia do certame e, no día grande, mañá sábado 21 de maio, ademais de cinema e música teremos actividades dedicadas á danza contemporánea, a videoperformance, a gastronomía, o humor gráfico ou a literatura.

janetymercedes4_baixa

A bailarina Janet Novás e a música Mercedes Peón estrearán un novo espazo do festival, o Jaliñeiro Area, co seu espectáculo “Falar”. Compartirán esta gran xaula, creada no seu día para a cría de aves, co público facendo unha intervención de música e corpo pensada para espazos insólitos.

Se a nosa canción oficial se converteu xa no hit da primavera, podemos avanzar tamén que teremos novela oficial. O escritor e xornalista Carlos Meixide, que protagoniza a nosa sección Miradas de Cans, presentará na Sala Multiusos Cans, a segunda entrega da súa saga de literatura xuvenil, que promete ser un bombazo e que está localizada na nosa aldea. Neste mesmo espazo veremos as videocreacións do grupo Cintaadhesiva, realizadas por Area Erina; a curtametraxe documental“Cadencia”, de Virginia Rota e protagonizada por Janet Novás; e o documental O equilibrio dos opostos, de Alberto Baamonde, que relata as peripecias do cociñeiro Javier Olleros para manter en pé o seu restaurante Culler de Pau. Relacionada con esta última proxección e inaugurando tamén novo espazo, a Cociña da Señora Esther, Olleros liderará a acción gastronómica desta edición, presentando a sobremesa que deseñou especificamente para o festival. Unha auténtica delicatessen canina!

Consultade o programa completo do sábado neste enlace.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

15 + sixteen =