Coloquio na Leira con Rodrigo Sorogoyen

Esta mañá, o director Rodrigo Sorogoyen subíase ao escenario Estrella Galicia na Leira de Alicia  para o coloquio acompañado polo actor Luís Zahera e Alfonso Pato, director do Festival de Cans. Sorogoyen compartiu cun atentísimo público como foi en ascenso a súa carreira como director nos dous últimos anos e tamén falou de proxectos futuros e doutros nos que anda inmerso: “foi unha tolemia, sobre todo, o tempo que pasou entre a rodaxe de El Reino e da curtametraxe Madre. O meu equipo e eu tivemos moita sorte de que as dúas pezas gustaran tanto, recibín moi boas palabras do público e iso alégrame moito e dáme forzas para seguir traballando. Este tempo foi unha nebulosa, non me lembro moito de estar no Festival de San Sebastián nin dos Oscar”.

Tamén contou que a primeira idea que quería transmitir con El Reino era mostrar como actúan os políticos das altas esferas, pero o guión que Sorogoyen realizou con Isabel Peña virou ao centrarse nun político dun rango menor para que o espectador empatizara coa figura do corrupto. Unha idea que funcionou e que converteu a El Reino nunha das películas máis premiadas nos Premios Goya. Sorogoyen tamén reflexionou arredor do éxito do filme: “o éxito ten un equilibrio raro, é algo bastante abstracto”, xa que aínda que a película obtivo moito recoñecemento ese éxito non se reflectiu en taquilla.

Pola súa banda, o actor Luís Zahera, que levou un Goya ao Mellor actor secundario por El Reino, falou do fácil que é traballar co director: “É un director distinto, porque el é autor do texto (xunto a Isabel Peña) e coñéceo moi ben, entón ten outras dinámicas… é como eu lle digo, un director de contacto”. Zahera tamén dixo que gañar o Goya lle fixo moita ilusión: “si pero non llo digades a ninguén. Gañar un Goya ten o que lle chamo o factor surfista cando collen unha boa ola”.

Noutro dos momentos da conversa o director Alfonso Pato preguntoulle polos seus últimos proxectos. Sorogoyen adiantou que grabará en Galicia proximamente: “teño en mente a idea dunha película que se grabará nunha aldea de Ourense que aínda está por localizar. Tratará sobre unha parella de estranxeiros que veñen a vivir aquí, con dous personaxes galegos moi potentes, un deles é de Goya e ofrecinllo a Zahera”.

Esta mañá tamén acolleu outros momentos como o CanSonoro con Xurxo Souto, un roteiro cheo de música que estivo moi afluído e que homenaxeou ao grupo Os Catro Ventos coa inauguración dunha placa na Casa de Marisol no Barrio do Castillo ou a proxección da sección Ultravioleta. A tarde e a noite deste día grande do Festival agárdannos moitas actividades infantís no Parque do Río; a proxección do Jalpón dos Oscar; os concertos e proxeccións no Invernadoiro de Mucha do Peso con Chisme, Budiño e Antón Reixa; as actuacións no Escenario Fundación SGAE no Cans Voulevar con MJ Pérez, Patricia Moon e Raiceira; ou o peche coa entrega de premios e o posterior concerto do Gran Wyoming y Los Insolventes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

twenty − nineteen =