Chimpíns de Prata 2016

A organización do Festival de Cans decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o labor dos veciños e veciñas de Cans e mais a unha personalidade que destaque polo seu apoio ao certame, a Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da “Casa do Cid”, centro de apoio loxístico durante os días do evento, e a Xurxo Souto, incondicional de Cans que comparte ano tras ano o seu saber musical e popular con locais e foráneos, facendo un roteiro pola parroquia que o converteu xa nun máis da familia. Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 20 de maio no Torreiro de Cans. Ademais, Chelo e Manolo colocarán o seu chimpín no “Muro dos chimpíns”, o espazo co que o festival quere perpetuar o agradecemento aos veciños, do mesmo xeito que fai no Torreiro das Estrelas cos profesionais do audiovisual.

Chelo_e_ManoloWEB

Chelo Fortes e Manolo Cid

O Festival quere agradecer cun dos premios Pepe Puime a infinita xenerosidade de Chelo Fortes e Manuel Cid coa organización. A súa casa, a “Casa do Cid”, presta apoio loxístico durante os días do evento para que alí poidan xantar os convidados do festival e ten feito en sucesivas edicións de cociña, sala de prensa, almacén, lugar de reunión do xurado e ata espazo para merendas da organización nos días posteriores ao evento. Chelo e Manolo ofrecen xenerosamente a súa adega, a súa finca e a súa cociña para uso da organización, algo que ademais fan desfrutando e cun sorriso para recibir a todo o mundo.

Alén dos propios días do certame, a súa é unha casa sempre de portas abertas para toda a xente da organización, que anega nas semanas previas a aldea, e sempre ofrecen con xenerosidade un refrixerio a calquera que traballe no festival. A localización da casa de Chelo e Manolo, á beira do Can de Pedra, fai tamén que eles se convertan nos gardiáns do can ao longo do ano, cando moita xente pasa pola parroquia para facerse fotos á beira do emblema de Cans.

Xurxo2

Xurxo Souto

Cada ano, o Festival de Cans concede tamén un Chimpín de Prata a unha personalidade relevante que destaque polo seu compromiso e apoio ás súas iniciativas. Esta edición o homenaxeado será Xurxo Souto (A Coruña, 1966), escritor, guonista e coñecido tamén como músico e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto.

A relación de Xurxo Souto coa aldea de Cans foi un “amor a primeira vista”. Desde a primeira vez que apareceu pola aldea para conmemorar os 20 anos do movemento Bravú e revolucionar a todos os que asistiron aos seus coloquios, Souto realiza un roteiro sonoro pola parroquia, que este ano repetirá con sorpresas, e que é unha das grandes atraccións da mañá do sábado do festival. Nestas camiñadas logra implicar a veciños e veciñas cantando, tocando instrumentos e contando fabulosas historias descoñecidas ás veces mesmo para os locais, aos que guía co seu corno de mar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3 + 3 =