Chimpín de Prata “Premio Pepe Puime” 2017: Jorge Coira

O Festival de Cans quere dar as grazas cun dos premios Pepe Puime a unha personalidade relevante que destaque polo seu compromiso e apoio ás súas iniciativas.

Este ano o homenaxeado será Jorge Coira (Rábade, 1971). Director, guionista e montador, traballo polo que levou o Goya en 2016 co filme “El Desconocido”. Jorge Coira é un profesional imprescindible no audiovisual de Galicia e unha persoa que sempre estivo altamente vinculada ao Festival de Cans: desde as primeiras edicións, Coira ten participado como xurado, como colaborador nas charlas de “Cans de futuro”, falando sobre a súa experiencia como director e como montador diversos coloquios e poñendo en marcha a actividade “Café con CREA” desde a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia que presidiu ata o pasado ano. Por todo este compromiso co festival, a organización decidiu premialo este ano co “Chimpín de prata – Premio Pepe Puime”, galardón que se outorga ás persoas que traballan no impulso e fomento do Festival de Cans.