Batemos o noso récord de curtas inscritas!

O venres pechamos a convocatoria para as seccións a concurso desta edición. Logo da revisión e clasificación de todo o material recibido xa podemos confirmar que batemos o noso récord de curtas inscritas. En total recibimos 215 producións, o que supón un 15% de incremento con respecto ao ano pasado, que nos chegaran 184 traballos. Divididas por categorías recontamos 115 curtametraxes de ficción e non ficción, 14 de animación e 86 videoclips.

Estes datos convídannos ao optimismo sobre o ritmo de produción das creadoras e creadores galegos, constatándose un salto significativo con respecto a anteriores convocatorias. É a primeira vez nos trece anos de festival que se superan as 200 obras inscritas, unha cifra considerable tendo en conta que as bases do certame só admiten producións galegas, cuxo director ou directora sexa galego. Igualmente, é a primeira vez que se inscriben máis de 100 curtametraxes de ficción e non ficción.

Por outra parte, un dato moi positivo para nós é o restablecemento da inscrición de curtametraxes de animación, ademais a meirande parte delas de moi boa calidade. É por iso que xa estamos en condicións de afirmar que recuperaremos a sección específica de animación. Esta é unha moi boa nova logo de constituír o 2015 o único ano no que non logramos reunir producións abondas para compoñer esta categoría.

Con respecto ao apartado de ficción, segue rexistrándose un gran volume de traballos de creadores galegos que viven e desenvolven a súa actividade profesional fóra de Galicia. Así o constatan as producións que nos chegan dende lugares como o Gran Bretaña, Francia, Portugal, Madrid e Barcelona.

O volume de videoclips segue medrando a un ritmo imparable de produción e nun amplo abano de estilos musicais que van do hip-hop á música tradicional, pasando polo pop e o rock, ata chegar ás técnicas de narración audiovisual máis diversas.

Alén das seccións oficiais a concurso, a organización considera que hai unha gran diversidade de traballos moi interesantes que poden entrar nas seccións de programación paralela do festival.

Logo desta primeira aproximación ao material recibido, vaise iniciar agora un proceso exhaustivo de visonado, debate e selección por parte do equipo do festival, ata elixir as obras a concurso, que se darán a coñecer a primeiros de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

seventeen − thirteen =