“A viaxe dos Chévere”

Este domingo volverá a haber proxección do ciclo “Sen un Can”, que o Festival de Cans organiza en colaboración coa Sala Ingrávida e o Cineclube Ingrávido do Porriño. Será ás 19h00 co pase de A viaxe dos Chévere de Alfonso Zarauza, un documental que repasa os 25 anos de historia dunha das compañías de teatro máis combativas de Galicia, o mesmo ano que recibiu o Premio Nacional de Teatro (2014).

A través dunha mirada moi persoal e poética, o filme narra o desterro dos Chévere, que se viron obrigados a abandonar a mítica Sala Nasa de Santiago de Compostela polas presión do goberno municipal daquel intre e instalarse no concello veciño de Teo. Durante varios meses, o cineasta e un reducido equipo acompañaron ao grupo no seu día a día, mentres elaboraban a Ultranoite “No País dos Ananos”, un musical co que se estrearon no seu novo espazo de traballo. Un filme que fala da irracionalidade do poder e da cordura da arte, da volatilidade da acción política e da perdurabilidade do traballo creativo. Un proxecto no que o teatro e o cine van da man.

Con este ciclo o Festival de Cans busca promover un cine galego de calidade que ten escasa visibilidade nos circuítos de distribución habituais e ao mesmo tempo trazar sinerxías con locais privados que promovan a cultura como a Sala Ingrávida e con asociacións que traballen pola visibilización do cinema como é o Cineclube Ingrávido.

Todas as proxeccións son na propia Sala Ingrávida (rúa Pérez Leirós 3, O Porriño). O prezo das entradas é de 3,50€ e poden facerse reservas a través do número 986 331 622.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3 × 5 =