O Festival de Cans proxectará as curtas gañadoras da súa XVI edición durante dous domingos consecutivos na Sala Ingrávida

A Sala Ingrávida acollerá as proxeccións das curtas galardoadas na XVI edición do Festival de Cans. Debido ao repartido que quedou o palmarés, esta tradicional sesión dividirase en dous días. Continúe lendo O Festival de Cans proxectará as curtas gañadoras da súa XVI edición durante dous domingos consecutivos na Sala Ingrávida

O Festival de Cans marcou o seu record histórico de público con 15.000 asistentes

O Festival de Cans bateu na súa décimo sexta edición un novo e histórico récord de asistencia de público chegando ás 15.000 persoas durante os seus catro días de duración. Continúe lendo O Festival de Cans marcou o seu record histórico de público con 15.000 asistentes

Rodrigo Sorogoyen e a actuación do Gran Wyoming encabezan o día da entrega de premios en Cans

O Festival de Cans chega á celebración do seu Día Grande coa entrega dos premios desta 16ª edición e acollendo tamén as actividades musicais, cinematográficas e os encontros máis interesantes. Continúe lendo Rodrigo Sorogoyen e a actuación do Gran Wyoming encabezan o día da entrega de premios en Cans

A Noite das Homenaxes e Marlango, destacados do venres en Cans

A xornada de mañá venres vén marcada pola emotiva celebración da Noite das Homenaxes que terá lugar no Torreiro ás 22h30. O actor Carlos Blanco colocará a súa estrela no Torreiro e recibirá o Premio Pedigree’19 Continúe lendo A Noite das Homenaxes e Marlango, destacados do venres en Cans

O xurado de videoclips premia “Vision”, dirixido por Peque Varela para Window Pane

A Praza do Concello acolleu onte a celebración da Noite LASAL co concurso de videoclips no que se proxectaron dezanove pezas e no que se puido ver unha mostra das propostas musicais e audiovisuais galegas máis recentes. Continúe lendo O xurado de videoclips premia “Vision”, dirixido por Peque Varela para Window Pane

Dálle caña! Encontros con realizadores e realizadoras

Dalle caña! encontro con realizadores e realizadoras

Nos encontros Dálle caña! xuntamos aos realizadores e realizadoras das tres categorías competitivas e de outras seccións para tomar algo e falar co público. O obxectivo é que os asistentes podan coñecer algo máis de cada peza e de quen a fixo nun contexto ameno e distendido. Cada encontro terá unha duración de aproximadamente 60 minutos.

Dálle caña! Encontro con realizadoras e realizadores de videoclips

Xoves 23 | 17h30 | Sala Ingrávida

A Sala Ingrávida acolle nesta ocasión o encontro no que estarán presentes as realizadoras e realizadores dos dezanove videoclips finalistas, así como boa parte dos músicos das bandas que os protagonizan. Todos eles compartirán as súas experiencias antes de coñecer cal será o clip gañador na Noite LASAL COCINAS.

Dálle caña! Encontro con curtametraxistas das Seccións Ficción e Animación

Sábado 25 | 16h30 | Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia

Todas as realizadoras e realizadores das quince curtas que concursan nesta XVI edición de Cans na Sección Oficial de Ficción e Animación daranse cita neste encontro. Nun formato relaxado que terá lugar na Leira de Alicia poderán coñecerse, presentar as súas pezas e compartir e intercambiar experiencias e opinións.

Dálle caña! Encontro con curtametraxistas da categoría FuraCans, ExtraCans e a sección Ultravioleta.
Sábado 25 | 19h30 | Espazo Estrella Galicia na Leira de Alicia

Os encontros Dálle caña! complétanse coa celebración desta última reunión que unirá ás autoras e autores das curtas que compiten na categoría de FuraCans (non-ficción), a sección de Ultravioleta e a sección ExtraCans, que mostrará pezas de procedencia internacional pero que teñen, dun xeito ou outro, un vínculo con Galicia.

‘Eroski Paraíso’ e ‘Global Player’, proxeccións estrela do segundo día de Cans

Mañá xoves, o Festival de Cans acolle como filme de apertura a pre-estrea de Eroski Paraíso e a proxección de Global Player, a película que completa a primeira retrospectiva internacional do certame dedicada ao director alemán Hannes Stöhr. Continúe lendo ‘Eroski Paraíso’ e ‘Global Player’, proxeccións estrela do segundo día de Cans

O Festival de Cans arrinca mañá cos veciños e veciñas como protagonistas

A 16ª edición do Festival de Cans comeza mañá centrando a programación da primeira xornada na veciñanza, nunha mestura que combina o agroglamour coas últimas novidades culturais e cinematográficas. Continúe lendo O Festival de Cans arrinca mañá cos veciños e veciñas como protagonistas

O Festival de Cans inicia este sábado na Sala Ingrávida a retrospectiva do director alemán Hannes Stöhr

O Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio, inicia esta fin de semana na Sala Ingrávida as proxeccións da que será a primeira retrospectiva internacional da historia do certame dedicada ao director alemán Hannes Stöhr. Continúe lendo O Festival de Cans inicia este sábado na Sala Ingrávida a retrospectiva do director alemán Hannes Stöhr

O Local Parroquial de Cans acolle mañá xoves ás 19h a venda física de entradas do 16º Festival de Cans

Mañá xoves 16 de maio, o Festival de Cans porá a venda as derradeiras entradas para acudir ás proxeccións das curtametraxes da Sección Oficial desta 16º edición e para asistir a outras actividades e sesións paralelas de pago.

Continúe lendo O Local Parroquial de Cans acolle mañá xoves ás 19h a venda física de entradas do 16º Festival de Cans

O Festival de Cans contará coa exposición “Outra pel, outro rostro” da fotógrafa Cris Andina

O Festival de Cans no seu intento de ter o cinema como punto de partida e achegar o festival a outras disciplinas, programa por primeira vez unha exposición fotográfica, que vai máis alá das datas principais do certame. Continúe lendo O Festival de Cans contará coa exposición “Outra pel, outro rostro” da fotógrafa Cris Andina

Curtametraxes finalistas – Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Historias”

Curtametraxes finalistas – Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Historias”

Venres 24 | 17h30 | Baixo de Carlos | Entrada libre

Máis de 250 estudantes da ESO dos catro institutos do Porriño traballaron e realizaron ao longo do curso escolar arredor dunha ducia de curtametraxes que poñen o foco de atención e queren facer pensar sobre o problema da violencia de xénero. O traballo destas rapazas e rapaces, de entre 13 e 15 anos, estivo coordinado polo pedagogo Rubén Barciela e foi posible grazas ao realizador Xosé David Gamallo e a pedagoga Cristina Míguez. O resultado final destas 11 curtametraxes terá a súa estrea absoluta o venres 23 ás 18h00 no Festival de Cans.

Proxecto impulsado polo Concello do Porriño, creado pola empresa educativa Koremi e apoiado polo Festival de Cans. Participan o IES Pino Manso, IES Ribera do Louro, CPR Santo Tomás e o CPR Irmáns Quiroga.

Curtas:
Ojos cerrados (3º ESO, IES Pino Manso)
Basta ya! (3º ESO, IES Pino Manso)
Una mirada atrás (3º ESO, IES Pino Manso)
El origen (4º ESO, IES Pino Manso)
Acoso (4º ESO, IES Pino Manso)
Engaño (4º ESO, IES Pino Manso)
La nevera (3º ESO, IES Ribera do Louro)
Play-Pause (3º ESO, IES Ribera do Louro)
No soy así (2º ESO, CPR Irmáns Quiroga)
Pesadilla (3º ESO, CPR Irmáns Quiroga)
No estoy sola (2º ESO, CPR Santo Tomás)

Actuacións hip-hop – Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Versos”
Venres 24 | 19h30 | Parque do Río

Como peche final das proxeccións de curtametraxes realizadas no marco do proxecto “Xénero/Historias” celebrárase ás 20h00 no Parque do Río unha festa na que se presentarán as cancións de hip-hop contra a violencia machista compostas dentro do obradoiro “Historia/Versos” polo alumnado da ESO dos catro institutos participantes. Nesta actuación poderanse escoitar un total de seis cancións, das cales algunha serve como banda sonora das curtametraxes realizadas neste proxecto, e que serán editadas co apoio da Fundación SGAE.

OBRADOIRO DE CINE “DA IMAXINACIÓN Á PANTALLA – PARTICIPA MÉLIÈS”

OBRADOIRO DE CINE “DA IMAXINACIÓN Á PANTALLA – PARTICIPA MÉLIÈS”

Venres 24 | 17h00 | Cuberto de Chelo  
Venres 24 | 19h30 | Proxección dos traballos finais

Despois do éxito desta actividade o ano pasado, o Festival de Cans e a Obra Social La Caixa repiten este obradoiro impulsado polo proxecto Participa Méliès. A través da imaxinación e das creacións de George Méliès, un dos pioneiros do cinema, este taller iniciará a rapaces e rapazas na linguaxe e no proceso cinematográfico. Cada equipo coa axuda dunha tablet terá que realizar unha curtametraxe fantástica mediante exercicios prácticos nos que traballarán a idea do guión, pasando pola gravación (empregando efectos especiais sinxelos) ata finalmente a edición. Os traballos poderán verse ás 19h30 no Cuberto de Chelo e poderán participar no concurso Participa Méliès, unha iniciativa da Obra Social La Caixa. O taller estará coordinado polo realizador e educador Alexis Borrás, que ten traballado con directores do talento de Juanma Bajo Ulloa ou Borja Cobeaga e é e profesor da Universitat Autònoma de Barcelona.

Cre-accións. Obradoiro creativo de stop-motion

Cre-accións. Obradoiro creativo de stop-motion

Imparte: Ramiro Rodríguez dos Santos
Sábado 25 | 11h00 – 13h00 | Inquedanzas
Máximo: 15 crianzas de entre 4 a 12 anos
Prezo: 3€

Toda historia componse de milleiros de pequenos intres e soños. Pero as historias non deben gardarse no maxín máis que un tempo. O momento da súa representación agarda impaciente. A través da imaxinación e a improvisación e coa axuda de Ramiro Rodríguez dos Santos, as nenas e nenos confeccionarán neste obradoiro un guión que logo farán realidade coa técnica do stop-motion. Será a maneira de compartir e realizar coas mans as fantasías e soños de cada un para crear unha grande historia común.

Obradoiro Son-Cinema

Son-Cinema [con Juanma LoDo]

Sábado 25 | 16h30 | Cuberto de Pato 
Prezo: 3€

Esta actividade está centrada nas bandas sonoras dos filmes e nas diferentes emocións que a música e o son en relación coas imaxes poden provocar no espectador. Este taller parte de fragmentos de importantes películas da historia do cine realizadas por directores como Alfred Hitchcock, Lev Kulechov e Serguéi Eisenstein. A partir destas obras, e empregando instrumentos como sintetizadores e obxectos do cotián, o artista Juanma Lodo creará un xogo sorprendente e participativo no que as nenas e nenos poderán comprobar como a música pode facer cambiar e variar a percepción das imaxes.

XURADO FICCIÓN E ANIMACIÓN

XURADO FICCIÓN E ANIMACIÓN

 

Andrés Goteira. Director e guionista.

Co seu primeiro filme Dhogs pasou por certames da importancia do Festival Internacional de Sitges ou o BAFICI de Bos Aires. Nos Mestre Mateo de 2018 bateu o récord de premios ao conseguir nada menos que 13 galardóns. Na actualidade prepara a súa segunda película da que presentará un avance de guión en A que andas?

Cris Iglesias. Actriz.

Cris Iglesias é un das actrices máis prometedoras do panorama galego actual. Forma parte do elenco da obra teatral Eroski Paraíso, cuxa adaptación cinematográfica se presenta nesta 16ª do Festival de Cans. Ten tamén participado en series como Fariña ou Serramoura.

Juanjo Giménez. Director e guionista.

É o único director do mundo que pode presumir de ser galardoado en Cannes e Cans. Este director catalán gañou en 2016 a Palma de Ouro en Cannes coa peza Timecode, coa que tamén conseguiu ser finalista dos Oscar na categoría de Mellor Curtametraxe. En 2009 gañou o Can de Pedra no Festival de Cans coa súa curta Rodilla. Juanjo Giménez dirixiu unha ducia de curtametraxes, documentais e rodará proximamente en Galicia parte da súa nova película Tres.

Melania Cruz. Actriz.

Aínda que comezou no teatro, onde segue traballando coa súa compañía iMaquinario, Melania Cruz é rostro coñecido para o público galego por saír en series como Serramoura ou Virandeira. Nos últimos anos ten interpretado papeis de relevancia en películas como Dhogs, Trote de Xacio Baño, A Esmorga de Ignacio Vilar ou Arima de Jaione Camborda.

Xosé Manuel Budiño. Músico e compositor.

Avalado por máis de vinte anos de traxectoria e seis traballos discográficos ás costas, pódese dicir que Xosé Manuel Budiño é un dos grandes da música galega. Despois de tocar por escenarios de todo o planeta, Budiño vén de sacar Fulgor, un novo disco que presentará no Invernadoiro de Mucha do Peso e no que explora un son diferente.

Zaza Ceballos. Produtora.

A súa traxectoria como produtora é unha das máis consolidadas no panorama audiovisual galego. Ao fronte da súa produtora Zenit levou a cabo proxectos audiovisuais arredor de figuras como Concepción Arenal, Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, sempre preocupada por visibilizar historias excepcionais de mulleres galegas. Actualmente, vén de co-producir Elisa e Marcela, o último filme de Isabel Coixet.

Alberto Vázquez. Director e guionista.

Coas súas curtas Birdboy e Decorado, baseadas nos seus cómics, e a película Psiconautas –estreada no Festival de Cans- Alberto Vázquez conseguiu nada menos que tres Goyas, entre eles o de Mellor Película de Animación. Os seus traballos teñen sido seleccionados e exhibidos nos mellores festivais do mundo, nos que colleitou máis de cen premios internacionais.

XURADO FURACANS

XURADO FURACANS

 

Xacio Baño. Director e guionista.

Director de pezas como Estereoscopía, Ser e voltar e Eco, as curtas de Xacio Baño teñen pasado polo Festival de Cans, do que é un habitual, e polos mellores festivais internacionais. Agora vén de debutar co seu primeiro filme Trote que estivo en Locarno e no Festival de San Sebastián.

Liliana Torres. Directora e docente.

Especializada en documental e formada en dirección pola ESCAC de Barcelona, onde é profesora na actualidade, Liliana Torres debutou coa película Family Tour en 2013. Este filme levou o premio á Mellor Opera Prima concedida polo Colexio de Directores de Cataluña. Na actualidade está rodando ¿Qué hicimos mal?, a súa segunda longametraxe.

Isabelle Le Gonidec. Xornalista.

Xornalista na emisora Radio France Internationale, onde está especializada en informacións relacionadas co cine e co ámbito cultural. Ten cuberto numerosos eventos culturais e festivais como o Festival de San Sebastián. Vive en París, pero reside temporadas en Galicia.

 

 

XURADO VIDEOCLIPS

XURADO VIDEOCLIPS

 

Carlos Alberto Alonso. Músico e realizador.

Carlos Alberto Alonso foi compoñente da banda de rock Malpaso e tamén realizou curtametraxes como As Muxicas (2002). Desde 2016 dirixe a Mostra Videoclips a Esgalla en Ferrol, o único escaparate específico dedicado aos clips que existe en Galicia.

Patricia Moon. Cantante, música e compositora. 

Sempre a medio camiño entre a música clásica e o rock, esta artista viguesa perfeccionouse como artista en Berlín e como compositora no Berklee College of Music de Boston. Patricia Moon ten colaborado con artistas como Matt Elliot, Siniestro Total, Los Piratas ou mesmo The Posies. Vén de sacar o seu terceiro disco, Rock & Love, que presentará no Festival de Cans.

Paco Serén. Músico, realizador e produtor.

É coñecido por ser membro fundador e guitarrista de Los Piratas. En paralelo á súa carreira de músico, Paco Serén desenvolveu unha fecunda carreira como realizador de clips para a súa propia banda e tamén para artistas como Los Rodríguez, Iván Ferreiro, Ectoplasma –banda da que tamén formou parte- ou Presumido.

Exposicións

Exposición fotográfica “Outra pel, outro rostro” de Cris Andina

Aberta dende o 15 de maio ata o próximo 15 de xuño
Dous espazos | Círculo Recreativo Cultural: Todos os días dende as 10 da mañá.
Sala Ingrávida | De domingo a mércores: 18h a 21h30 | De xoves a sábado: 19h a 23h Entrada gratuíta.

No intento continúo de abrirse a outras disciplinas, o Festival de Cans programa por primeira vez nas datas do certame unha exposición fotográfica. Ao longo de varios meses, a fotógrafa Cris Andina seguiu a numerosas actrices e actores de teatro para retratalos no intre no que pasan a barreira da caracterización e mudan de rostro para interpretar aos seus personaxes no escenario. A mostra, que leva por título Outra pel, outro rostro, pretende ser unha homenaxe ao oficio do teatro, onde estes profesionais fan uso dun talento espido e afrontan o reto desta arte, na que adoita primar o espazo figurado fronte á propia personaxe. De aí a escolla da fotógrafa de realizar os retratos en branco e negro e sen artificios. Nos máis de 30 retratos que compoñen a exposición, e que estarán repartidos en dous espazos, poderemos ver caras habituais como Miguel de Lira e a compañía Chévere, Melania Cruz, Javier Gutiérrez, Xosé A. Touriñán, María Vázquez, Serxio Pazos ou a Areta Bolado, Noelia Castro e Alién Kendelman da compañía teatral A Panadaría.

Cris Andina (Ribadeo, 1978) é unha fotógrafa que traballa no eido cultural e en ámbitos como o cine, a música e as artes escénicas, desenvolve a súa labor facendo fotografía de eventos e actuacións en directo, entre eles, o Festival de Cans.

Proxecto Senta

Sábado 25 | Todo o día | Diferentes espazos de Cans

Dende hai varias edicións o Festival de Cans colabora coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña para reflexionar sobre a redefinición da paisaxe da aldea e pon a atención sobre espazos e lugares especiais que, aínda que sexan invisibles a priori, gardan gran potencial na paisaxe física e emocional de Cans. Neste sentido ten desenvolvido actividades para visibilizar o espazo no Parque do Río, ten descuberto vellos carreiros e atallos que vertebran a aldea ou realizado unha reflexión sobre a masificación do festival (e dos festivais en xeral). Nesta edición, o festival volve traballar man a man coa ETSAC poñendo en marcha o Proxecto Senta. Esta iniciativa, realizada polas alumnas e alumnos da UDC coordinados polo prestixioso profesor e arquitecto Juan Creus –do estudio CreuseCarrasco–, traballará na recuperación dos bancos exteriores e currunchos onde a xente se sentaba a descansar ou a ver e contemplar a vida, unha relación que non dista moito de ollar para a pantalla de cine. Deste xeito, estes lugares destinados ao descanso, tomarán vida de novo durante os días do Festival de Cans.

Exposición retrospectiva de Luis Davila “O Bichero”

Venres 24 | Toda a tade | Cans Voulevar

Luís Davila é un dos debuxantes máis populares do país que arrinca sorrisos diarios coas tiras “O Bichero” que publica no xornal Faro de Vigo e que rapidamente inundan as redes sociais ao ser compartidas por miles de persoas conquistadas polo seu humor. Como en anteriores edicións, este ano tamén poderemos gozar con unha exposición composta por unha selección das súas viñetas máis cinematográficas e de algunhas, que en varias ocasións tamén teñen retratado o Festival de Cans.

Costa Azul

Sábado 25 | Todo o día | Costa de subida ao Cuberto de Chelo

Ao longo de cada edición as nosas veciñas do Barrio da Pedreira, Marta García e Paula Romero, recompilan en forma de fotografías, novas de xornais, cartaces ou camisolas, o máis destacado de cada edición. O seu traballo exponse nesta costa de subida ao Cuberto de Chelo revestida de cor azul cuxo nome evoca ao outro Cannes: a Costa Azul.

Concurso de pintura “Pintar o Cine”

Xoves 23 | 15h – 20h | Praza do Concello

O xoves terá lugar o concurso de pintura rápida “Pintar o cine”, actividade que substitúe a Can Parade. Un total de doce artistas terán que realizar en cinco horas unha obra de temática e técnica libre que inclúa a silueta do can de Cans nunha escena de inspiración cinematográfica. Serán quen de conseguilo?

Cans Senior

Mércores 22 | 10h00 | Centro de día de Torneiros

Esta iniciativa pretende ata medio centro de centros de día de toda Galicia se impliquen na reinterpretación artística de diferentes secuencias da historia do cinema. O mércores 22 de maio inaugúrase no Centro de Día de Torneiros a exposición dos traballos finalistas. Unha oportunidade emocionante na que poder ver as súas creacións e descubrir o alto grao de coñecemento que teñen os nosos maiores do Festival de Cans.

Cans do Futuro

Cans do Futuro

Mércores 22, xoves 23 e venres 24 | 12h00 | Baixo de Bugarín

Os centros educativos de toda Galicia organizan visitas extraescolares durante as mañás do mércores, xoves e venres da semana do Festival de Cans. Como en anos anteriores, as alumnas e alumnos de institutos e escolas terán a posibilidade de encontrarse con cineastas e profesionais que traballan do eido audiovisual nunha sección realizada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual que chamamos “Oficios invisibles” e na que nos acompañarán Alicia Saturna (vestiario e atrezzo); Lucía Catoira Pan (directora de fotografía) e Diana Toucedo (directora e montadora). Cada centro educativo estará na aldea durante unha mañá enteira, asistindo a unha hora e media de proxección e a estes encontros a outra hora e media de visita guiada pola aldea. No tempo de descanso, tamén poderán facer a clásica foto de recordo: enriba do chimpín que se aparca xunto ao Can de Pedra.

Roteiros

Roteiros cinéfilo-literarios con Carlos Meixide e Xosé Antonio Perozo

Mércores 22 e xoves 23 | 11h30 e 12h00| Saída da rotonda do Can e camiños da aldea (Meixide)
Xoves 23 | 10h30 | Saída da rotonda do Can e camiños da aldea (Perozo)

Os escritores Carlos Meixide e Xosé Antonio Perozo guiarán aos asistentes por uns roteiros cinéfilo-literarios baseados nas súas obras. Meixide ofrecerá a súa mirada particular a través dos puntos polos que os protagonistas de Cans, a súa novela xuvenil, viven as súas particulares aventuras. Todo mesturado con unha chea de referencias cinéfilas coas que gozan as nenas e nenos que leron o libro. Por súa parte, Xosé Antonio Perozo realizará un roteiro inspirado na súa novela A grande epopea do pianista de Cans, un libro que se presentará no festival. A obra nace dun relato fantástico que o autor publicou no Faro de Vigo sobre a coñecida Pedra de Beethoven ou Pianista de Cans, e que agora volveu recoller para contar a historia de Pedro de Chamorro, o pianista que unha noite quedou petrificado para sempre mentres daba un concerto baixo as estrelas.

CanSonoro. Roteiro da música e do patrimonio con Xurxo Souto

Sábado 25 | 10h00 | Saída da rotonda do Can

Dende fai unhas cantas edicións, Xurxo Souto, escritor e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto, guía un roteiro polos camiños e corredoiras de Cans que se inspira nas historias das veciñas e veciños e na tradición musical de cada casa de Cans. Nesta ocasión, o roteiro discorrera por lugares emblemáticos do noso patrimonio como o muíño do Froxán (que se abrirá para a ocasión) ou Penedo de Cubaladra coa súa enigmática inscrición de 1869 que cumpre agora 150 anos. Esta ruta faina acompañado dos acordeonistas de Acordecans que amenizan o camiño mentres Xurxo Souto conta historias, canta e fala co público e intercala diálogos de filmes no seu discurso. Este roteiro que rendirá unha homenaxe especial ao grupo Catro Ventos de Cans.

Este roteiro será accesible a cadeiras de rodas e a carriños de bebé.

Final do concurso “Ollo de vidro”

Final do concurso “Ollo de vidro”

Mércores 22 | 18h30 | Baixo de Bugarín

O Festival de Cans impulsa o concurso “Ollo de vidro”, dentro do marco da iniciativa da canle de Youtube Recoméndoche un libro. Una iniciativa que ten como obxectivo fomentar entre a cidadanía hábitos lectores, utilizando a lectura como fonte de información, aprendizaxe e enriquecemento persoal, ao mesmo tempo que se promove o uso do galego como vehículo de comunicación nas redes sociais.

Na final do concurso “Ollo de vidro” proxectaránse un total de 14 traballos finalistas, que terá lugar o mércores 22 de maio ás 18h30 no Baixo de Bugarín nunha gran final na que se desvelarán os gañadores. Entre estes traballos poderánse ver desde críticas literarias, booktrailers, recomendacións ou outro tipo de pezas audiovisuais máis creativas dirixidas á animación lectora.

Neste encontro contaremos coa presenza dos finalistas, do xurado avaliador e das institucións que apoian o proxecto realizado polos Equipos de Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, do IES Castelao, IES Pino Manso de O Porriño, a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo, o Festival de Cans, a Asociación de Veciños do Calvario e da Biblioteca Municipal de O Porriño.

LISTADO DE FINALISTAS:

Hotel para coleccionistas discretos, de Antón Veiga
Los juegos del hambre, de Andrea, Emma e Antía
Futbolísimo 4, de Xabier Arias
Made in Galiza, de Ana Fernández
Literatura de terror, de Sergio
La profecía del cuervo, de Lia Lago
Saga Percy Jackson , de Martín, Noa e Belén
Espertando, do CEIP Belesar de Baiona
O xardineiro dos ingleses, de Aarón Vilariño e Artur Vázquez
Camiños ganduxados O libro do desarraigamento, de J.M.García Plazuelo
A casa do paralelo 54, de Luz Beloso
Buenos días, Princesa!, de Arianna e Jennifer
El libro del cementerio, de Ainhoa e Carlos
Ahora que ya bailas de Li, Valeria, Manuela e Lorena

Neste enlace podedes ver os vídeos seleccionados: https://www.youtube.com/playlist?list=PLcdSrOtmLTQ_Ktc1I9ZxTApIjQllFBhYy

LendoCine

LENDOCINE

Xoves 23 | 18h00 | Tienda Tía Tata

No seu intento por explorar a estreita vía entre o cine e a escrita, o Festival de Cans pon en marcha na súa XVI edición a actividade LendoCine, un espazo no que se darán a coñecer libros recentemente publicados nos que o cine é o trasfondo ou o protagonista principal. As autoras e autores presentarán neste encontro os seus traballos, ofrecendo así unha panorámica ampla do que se está editando sobre cine dentro e fóra de Galicia. En LendoCine atoparemos dende publicacións de traballos de investigación, obras adaptadas ao cine, novelas de pouso cinematográfico ou libros que recollen as memorias de profesionais da interpretación (entre outros).

Filmoterapia. 100 películas inspiradoras, de Jaime Burque (El Hilo Ediciones, 2018)

Quen non quedou marcado por un filme que lle axudou a cambiar a súa perspectiva de vida? O psicólogo e escritor Jaime Burque indaga neste libro sobre a idea filmoterapéutica do cine a través dunha viaxe por 100 películas para demostrar como o sétimo arte é quen de conectarnos cos nosos sentimentos máis profundos. Coa presenza do autor Jaime Burque.

Taller de la Memoria, VV.AA. (Fundación AISGE)

A colección de libros Taller de la Memoria da Fundación AISGE naceu co propósito de recoller a memoria e as vivencias de actrices e actores veteranos co fin de salvagardar a riqueza das súas testemuñas e da súa profesión. En Galicia AISGE publicou as memorias de históricos da interpretación como Vicente Montoto, Pilar Pereira ou Manuel Lourenzo. Tamén editou as memorias de actrices e actores que xa non está con nós, como é o caso de Doretea Bárcena e Xan Cejudo. Coa presenza de Isabel Blanco, actriz e delegada da Fundación AISGE en Galicia.

A grande epopea do pianista de Cans,  de Xosé A. Perozo (Auga Edicións, 2019)

Hai anos, cando aínda non nacera o Festival de Cans, o escritor Xosé A. Perozo publicou no Faro de Vigo un relato arredor da coñecida Pedra de Beethoven ou Pianista de Cans. Máis tarde, a partir do proxecto Miradas de Cans e as residencias promovidas polo noso festival, Perozo volveu retomar este relato fantástico, readaptándoo para contar a historia de Pedro de Chamorro, o pianista que quedou petrificado para sempre mentres daba un concerto baixo as estrelas. Unha historia que está chamando por unha adaptación ao cine. Coa presenza do editor e autor Xosé A. Perozo.

Accesible Filmaking, de Pablo Romero–Fresco (Editorial Routledge, 2019)

Este libro parte dunha interesante investigación (que fascinou ao mesmo Ken Loach) sobre a análise e o estudo do subtitulado para facer o cine máis accesible ao público. O profesor e realizador Pablo Romero-Fresco chegou á conclusión de que as películas sería mellor comprendidas se os produtores, guionistas e realizadores traballaran no subtitulado dende a orixe do filme, e non ao rematar todo o proceso.Coa presenza do autor, investigador e realizador Pablo Romero-Fresco.

Eroski Paríso, do Grupo Chévere (Kalandraka, 2018)

A compañía teatral Chévere, Premio Nacional de Teatro no ano 2014, fixo deste texto o seu último gran éxito co que triunfaron en escenarios nacionais e internacionais. Poderíase dicir que este libro é literatura da boa, unha obra que pode lerse como obra de teatro e como guión de cine. Tanto é así que o realizador Jorge Coira acabou por converter Eroski Paraíso en película. A súa pre-estrea será no Festival de Cans. Coa presenza de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron, membros do Grupo Chévere.

Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez (Galaxia, 2019)

O autor porriñés Diego Giráldez estará en LendoCine para falarnos do seu segundo libro Hotel para coleccionistas discretos. Un relato orixinal cargado de chiscadelas cinematográficas con referencias directas a La Escopeta Nacional de Berlanga, unha evidente inspiración no cine de Wes Anderson e reminiscencias que recordan as historias de Jacques Tati. A literatura non é cine, pero ás veces aínda se lle parece. Coa presenza do autor Diego Giráldez.

Actrices secundarias, de Clara do Roxo (Editorial Elvira, 2019)
Claro do Roxo naceu en Caracas e é filla de emigrantes galegos. Esta novela ten como fondo a emigración a América de miles e miles de persoas, que como os país de Clara, marcharon e formaron alá unha familia pero que sempre pensaron en volver. Máis concretamente Actrices secundarias conta a historia de catro mulleres que asumiron o seu papel secundario nas súas vidas, un chanzo por debaixo do lugar que ocupaban os seus maridos. Esta novela foi finalista do Premio Torrente Ballester 2018. Coa presenza da autora Clara do Roxo

Cine e gastronomía

Showcooking Tapas de cine – Estrella Galicia

Xoves 23 | 20h30 | Praza do Concello

A gastronomía volve ao Festival de Cans a través da colaboración con Estrella Galicia, que nos traerá ao cociñeiro Pablo Pizarro, do restaurante coruñés Bocanegra, para que elabore en directo 150 tapas. Será o xoves 23 de maio na Praza do Concello.

Kike Piñeiro

Outra parte gastronómica do programa virá da man do cociñeiro Kike Piñeiro, que estará a cargo da cociña para as persoas convidadas do Festival de Cans. Piñeiro é o chef do restaurante compostelano A Horta d’Obradoiro, un espazo caracterizado por unha sutil renovación da cociña e o emprego de produtos tradicionais, como sempre, produtos Galicia Calidade.

 

Proxecto Cans 303

Proxecto Cans 303

Mércores 22 | 21h00 | Torreiro de Cans
Presentación do proxecto “Cans 303” feito polas alumnas e alumnos do curso.
Estrea do documental Os Catro Ventos de Cans. A memoria da música.

O Proxecto Cans303 naceu con dous obxectivos moi marcados. Por un lado, rescatar a memoria dos habitantes e da aldea de Cans e, por outro, co fin de que as mesmas veciñas e veciños se implicarán na tarefa de creación dunha peza audiovisual. O proxecto “Cans 303” mobiliza en cada edición a un grupo de dez persoas de entre 12 e 60 anos para facer e desenvolver unha proposta dende o inicio e pasando por todas as súas fases. Nesta edición, o equipo de alumnas e alumnos coordinados por Juanma Lodo, reconstruirá a historia da agrupación musical Os Catro Ventos.

Os Catro Ventos de Cans. A memoria da música

 
Dirección: Juanma LoDo

Participantes: Alba Sobrino Maceira, Ángel Rodríguez Martínez, Ainhoa Cabaleiro Boente, Raúl Maceira López, Flora Maceira Casalmorto, Rosa Bernárdez Quintas, Carlos Rodriguez e Pablo González Blanco.

Vai de: Ao longo de catro meses o obradoiro de Cans 303 traballou no rescate da memoria do grupo histórico Os Catro Ventos, que amenizou as festas do sur da provincia de Pontevedra ao longo de dúas décadas. A partir da recuperación dunha vella cinta de cassette e dunhas gravacións audiovisuais antigas o equipo do proxecto Cans 303 reconstruíu a memoria desta formación, que entre as súas singularidades, tiña entre os seus compoñentes á acordeonista Marisol e ao batería Rafa, os dous fillos de Pepe “O bombeiro”, fundador do grupo.

XURADO DOS VECIÑOS

XURADO DOS VECIÑOS

 

Jesús Rodríguez Quintas, “Suso de Placer”
Ten 54 anos e traballa como camioneiro. Suso é natural do barrio da Pedreira, onde naceu e creceu pero vive agora en Arnoso.

Mercedes Campos, “Mercedes da Graña”
Ten 65 anos e é unha gran afeccionada a cantar (ten formado parte de varios coro). No xurado dos veciños Mercedes representa ao barrio da Graña.

María Lourdes Pereira, “Lourdes do Monte”
Ten 60 anos e vive no barrio do Monte, no máis alto da aldea desde onde divisa todo Cans.

Carmen Quintas, “Mucha de Luis”
Ten 77 anos e traballou máis de 40 anos no matadoiro do Porriño. A súa familia, dende os máis novos ata os maiores, implícase sempre co Festival de Cans. Vive no barrio do Painzal.

Iván Táboas
Iván é o máis novo do xurado dos veciños, ten 25 anos, é enxeñeiro mecánico e vive no barrio da Graña.

Quince primaveras

Quince primaveras

Venres 24 | 22h30 | Torreiro de Cans | [Estrea mundial]

Quince primaveras é o título do documental feito pola realizadora Isaura Docampo sobre a edición do Festival de Cans de 2018. A estrea deste documental será o venres 24 de maio durante a noite das homenaxes, alí poderemos recordar e celebrar os momentos que vivimos fai un ano.