A XXII edición do Festival de Cans, pola que pasaron preto de 13.000 persoas, deixou cifras récord no relativo ao seu impacto social e económico. O festival volveu aumentar o número de altas laborais e a xerar unha ocupación hoteleira do 100% que obrigou a público e organización a buscar habitacións en varios municipios limítrofes.
A nivel de contratación, producíronse un total de 158 altas laborais vinculadas ao festival, fronte ás 155 rexistradas o pasado ano. Destas contratacións, 78 foron de xeito directo, relacionadas coas áreas de produción, merchandising, transporte e coordinación de convidados ou traballo en barras.
Ademais, houbo outros 20 postos adicados a servizos de profesionais autónomos especializados, como comunicación, deseño gráfico, redes sociais, fotografía, vídeo ou programación de contidos, así como outros 60 de contratacións relacionadas con empresas que prestaron servizos para o bo funcionamento do evento. Entre estes servizos están recollida de lixo selectivo, seguridade e control de accesos nos camiños da aldea ou montaxe de instalacións de son, iluminación e salas de proxección ao longo dos cinco días do festival.
A maioría das persoas contratadas son residentes no Concello do Porriño, e 18 delas viven na propia aldea de Cans, sendo catro deles mozas e mozas aos que o festival lle deu a oportunidade de asinar por vez primeira un contrato de traballo. A eles sumáronse traballadores chegados de localidades da zona, como Mos, Ponteareas, A Cañiza, Vigo ou Salceda de Caselas.
Récord de aloxamentos, ocupación hoteleira e do plan de mobilidade en bus
O bo tempo durante a semana do certame, fixo que aumentasen os rexistros hoteleiros da zona os días do festival, chegando ao 100% de ocupación, con hostais e hoteis do Porriño rexistrando cheos, así como establecementos de concellos limítrofes como Tui, Vigo ou Ponteareas. Nestes hoteis aloxáronse persoas que asistiron ao festival, procedentes de Madrid, Barcelona, Pamplona, Huesca, León, Asturias ou localidades do norte de Portugal.
Esta edición de 2025 supuxo un récord de aloxamentos contratados pola propia organización, para traballadores e convidados ao longo dos cinco días, que se aproximaron ás 200. En concreto, foron 193 habitacións as que contratou só o propio festival, co conseguinte impacto nos servizos de comida e restauración. En total, o certame contratou 860 servizos de comida en ata oito restaurantes distintos, todos eles entre a aldea de Cans e o centro de O Porriño.
A organización tamén amosa a súa gran satisfacción polo funcionamento do plan de mobilidade colectiva, que busca eliminar a presenza de coches na aldea e reducir o impacto ambiental. Os autobuses lanzadeira do festival realizaron 4.300 viaxes nos dous días centrais do certame, aumentando en case 1.000 persoas a cifra da pasada edición. Nesta liña de acción está tamén a redución das viaxes de convidados a través de avión, fomentando o transporte en tren, que nesta edición acadou unha cifra dun 90% do total das viaxes contratadas.
A organización tamén buscou coidar ao máximo a aldea, contratando servizo de limpeza específico privado, servizo de seguridade propio e ata vinte váteres portátiles distribuídos en varios puntos de Cans, tres deles destinados a persoas con mobilidade reducida.
Finalmente, a organización quere salientar a ausencia total de incidentes e o comportamento exemplar dos milleiros de persoas que pasaron pola aldea nos cinco días de festival.