Os actores Tamar Novas, María Vázquez, Lucía Veiga e Nerea Barros encheron o Torreiro de Cans no coloquio matinal no marco dos encontros que organiza a Fundación AISGE e compartiron co público anécdotas e reflexións sobre a profesión.
María Vázquez salientou a “forza das creacións que se traballan en colectivo” e as producións feitas por mulleres, mentres que Nerea Barros animou a “superar o medo a opinar” e reclamou máis espazos de participación técnica para os intérpretes. Lucía Veiga defendeu que “o algoritmo pódese educar. Canto máis busquemos, máis entenderá a plataforma que a sensibilidade do público non é de borrego”, apelando a un consumo dixital máis consciente, e Tamar Novas reivindicou o traballo en equipo como clave para dar vida ás personaxes: “Todo ten que ver co tecido humano que fai o resultado final”.
Tamén hoxe os cineastas Xiana do Teixeiro, Nerea Barros, Pablo Dopazo, Alejandro Loayza e Alfonso Zarauza, quen esta tarde colocará a súa estrela no Torreiro de Cans, conversaron co público e anunciaron avances dos seus próximos proxectos. Xunto a eles, creaodores que xa son figuras habituais de Cans como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Angel Santos e Adrián Canoura amosaron as primeiras imaxes dos seis próximos filmes.
Mondra e Castelao
Esta tarde, o músico Mondra ofrecerá unha das actuacións máis especiais de Cans. O artista musicará en directo a curtametraxe Miss Ledya, na que Castelao ten un papel como actor.
De seguido será a estrea do documental Crónicas dun non, de Fernando Rodríuez Peñaño. O documental achégase á loita dos insubmisos dos anos 90, mozos que se rebelaron contra o servizo militar obrigatorio, converténdose nun símbolo de desobediencia civil en España e Europa. O filme tamén mostra a rede de apoio de moitas mulleres que compartín ideais antimilitaristas. Chega ao Festival de Cans coincidindo cos 20 anos do sorteo da última xeración de mozos que foron obrigados a cumprir o servizo militar obligatorio, nun contexto no que o debate sobre o gasto militar volve estar de actualidade.
Alfonso Zarauza colocará a súa estrela no Torreiro de Cans
Tamén esta tarde, o cineasta Alfonso Zarauza, Premio Pedrigree deste ano, protagonizará un encontro no Torreiro, antes de deixar a súa estrela no famoso Torreiro das estrelas de Cans. O festival organiza o encontro en conmemoración dos seus 30 anos como cineasta. Á súa homenaxe sumaranse a entrega dos chimpíns de prata a Uxía, Nerea Barros e Adriano Campos.
Actuacións musicais
Comenzan as grandes actuacións de Cans. O grupo Caamaño&Ameixiras ofrecerá o concerto de benvida Paco & Lola ás 20 h no Torreiro. O dúo é un dos grandes expoñentes da brillante fornada de artistas que están a renovar a música tradicional galega.
Ás 23.30 h no Espazo Estrella Galicia Leira do Río será o turno de Biznaga, unha das bandas sensacións do momento que chegan a Cans coa súa característica rabia punk contemproánea. A encargada de pechar a noite será DJ Rapante, dj residente da sala Kominsky que traerá unha mestura de ritmos caribeños, funk, hip hop ou disco.
Proxeccións, música e festa na última xornada do festival
A última xornada do festival contará mañá sábado cunha axenda moi cargada xa dende primeira hora da mañá. A partir das 10:00 comezarán os pases das curtas a concurso nos distintos espazos habilitados para as proxeccións. Ás 12:00 haberá un coloquio no Torreiro cun dos invitados máis destacados desta edición, o director Daniel Sánchez Arévalo, que despois deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas e que mostrará en exclusiva as primeiras imaxes do seu último filme, Rondallas, rodado en Galicia con numerosos actores galegos no reparto.
Pola tarde, continuarán as proxeccións da seccións oficiais e terán lugar distintas actuación musicais como as de Abril, Guadalupe Plata e DJ Itrynottothink no Torreiro de Cans; Susana Seivane e Lúa Mosquetera no Invernadoiro e A banda da loba, Santero y los muchachos e Serial Killerz no espazo Estrella Galicia Leira do Río. Antes celebrarase neste mesmo espazo a gala final de entrega de premios do festival.