OITO OBRAS COMPETIRÁN NA CATEGORÍA FURACÁNS DO FESTIVAL DE CANS

Un total de oito obras estarán na sección competitiva Furacáns do Festival de Cans, a sección destinada ás curtas de non ficción e a traballos que exploran vías narrativas de maior risco, que terá lugar o sábado 24 de maio.

A metade das obras serán estreas absolutas, con temáticas que promoven reflexións sobre a paisaxe e a identidade a través de retratos íntimos ou arquivos familiares.

Entre os cineastas a concurso hai unha mestura de creadores con traxectoria, cineastas emerxentes e mesmo debutantes. Entre os primeiros están a cineasta Carla Andrade, que presenta en Cans “Nayan”,  unha obra rodada ao longo de varios anos entre Nepal e Chile, que afonda na percepción da paisaxe cunha mirada poética, case hipnótica. A obra está comezando o seu percorrido, despois de pasar pola competición do Festival de Málaga e do Festival D´A de Barcelona.

En Cans terán a súa estrea absoluta as novas obras de dous cineastas que xa debutaron na longametraxe, como é o caso de Xoán Escudero e de Alberto Lobelle. O primeiro presenta en Cans “Nur Sultan” (imaxe destacada da publicación). Apaixonado do “mundo soviético”, o autor propón un xeito sorprendente de achegarse a Astana, a capital de Kazajistán, a través dun relato íntimo e a veces moi emocionante, sen renunciar a medidas doses de humor.

Mentres, Alberto Lobelle, cineasta que xa pasara no seu día por grandes festivais internacionais, estreará en Cans “As entrañas saben o que a razón non entende”, unha peza que parte do relato oral dun mariñeiro, que o cineasta captou case de xeito casual e filmou “desprendéndose da ansia de control e abrazando o inesperado”.

Na competición de Furacáns tamén terán a súa estrea as curtas “Se fora ou fose, quen sería?” de Candela Conde e “Carracedo”, de Manuel Lucas Mariño. A primeira é unha cineasta nova, forxada na sección Novas Camadas do festival, que estrea a súa última curta, achegándose ao universo creativo de artistas de disciplinas diversas que teñen o seu refuxio no barrio de San Pedro de Santiago de Compostela, a zona cero da creación e da diversidade nesta cidade.

Pola súa parte, Manuel Lucas, tamén membro da banda De Ninghures, segue a nova liña de creadores emerxentes que se achegan á etnografía cunha mirada renovada, para filmar a singular filosofía de vida do luthier, músico e investigador lucense Sito Carracedo.

Outros cineastas que tamén estarán en competición en Furacáns son Fran Rodríguez coa obra “Patios de Luz”, Nela Fraga con “Exposed”, e Daniel Iglesias con “Estou aprendendo a chorar de novo”. Fran Rodríguez mostrará en Cans “Patios de luz”, unha obra que está comezando o seu percorrido e reflexiona sobre o choque entre a aldea e a cidade, que parte dun traballo musical realizado coa cantante Su Garrido. Pola súa parte, a coruñesa Nela Fraga presenta en Cans “Exposed”, un collage de retratos íntimos que a cineasta describe como “unha carta de amor feita cunha mirada sanadora que devolva a capacidade da conexión humana”. A curta acaba de ser seleccionada no Festival Experiments in Cinema de Albuquerque, Nuevo México, en Estados Unidos.

Finalmente, na categoría Furacans tamén se poderá ver a curta “Estou aprendendo a chorar de novo”, do novísimo cineasta Daniel Iglesias, que xa pasara pola categoría Novas Camadas do Festival de Cans, e que parte do Río Eo como fío condutor dunha narración profunda e poética.

As entradas para a sección Furacáns estarán desde hoxe á venda a través da nosa tenda online a un prezo de 7 euros. O público poderá escoller sesión de mañá ou  de tarde o sábado 24 de maio.