A curta Curmán foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción. Curmán, película debut como director do ata agora actor Alejandro Jato narra dun xeito único a perda de inocencia do protagonista. O filme triunfou na noite de galardóns con premio a Mellor Actriz para Melania Cruz, Mellor Fotografía para Alicia Francés e o premio do Xurado de veciños.
A curta de Curmán foi premiada polo xurado “pola mirada inocente, ao tempo que complexa, na que confronta a pulsión natural coa imposición moral creando unha peza sólida no seu conxunto”. O xurado destacou o traballo de Melania Cruz “pola habilidade para iluminar os distintos estados emocionais polos que se move a personaxe: unha nai que nos traslada ao imaxinario colectivo doutra época”.
Curmán tamén se fixo co premio do Xurado dos veciños, que valorou “un traballo no que gustou como se soubo tratar e transmitir ao público o tema da iniciación no sexo”, e o premio a Mellor Fotografía para Alicia Francés pola “sensibilidade na creación de atmósferas utilizando diferentes formatos a favor da historia”.
Xosé Dopazo e Javier Rúa gañaron o premio a Mellor Dirección pola curtametraxe Mounir. O xurado destacou a “madurez coa que contan unha historia na que xogan elementos reais e ficticios”. Mounir, que conta o reencontro 20 anos despois de Mounir Jadivi, un inmigrante ilegal que chegou a España con 8 anos, co director de cine Xabier Rú, tamén recibiu una mención especial na categoría de interpretación, para Javivi “pola honestidade coa que afronta o seu traballo diante da cámara”.
Na mesma categoría, a actriz Cory Mañá recibiu unha mención especial polo seu traballo en Abellón “pola súa fermosa interpretación construída desde lugares que non transitamos habitualmente”.
O premio á mellor interpretación masculina foi para Machi Salgado polo seu papel en Abellón “pola capacidade de aunar emoción e contención, dándolle continuidade as diferentes capas narrativas da curta”.
No apartado de Animación o premio do xurado foi para Cadáver de dragón, de José Garnelo, polo “uso audaz da técnica para construir un universo con personalidade”. O filme é o debú de Garnelo na dirección, logo de traballar no equipo de psiconautas con Alberto Vázquez, o seu primeiro traballo como animador. A curta tamén gañou o premio a Mellor Guión para Jacobo Díaz e José Garnelo “pola virtuosidade á hora de contar unha historia que emociona sen palabras”.
Premios nas seccións Furacáns e Novas Camadas
Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi Exposed, de Nela Fraga, “unha opera prima que conmove na súa celebración do íntimo. Unha película que recollendo a tradición do cine experimental, contaxia o desexo de facer cinema”.
O xurado da sección Furacáns entregou unha mención especial á As entrañas saben o que a razón non entende, de Alberto Lobelle, “unha película que conta coa forza do inesperado”.
No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio “Deleite” foi para Ciudá de ladrillo, de Carlota Álvarez, “un filme que pon no centro os espazos de sonoridade, onde rir e estar xuntas. Valorando a recollida de memoria oral e a activación dun arquivo fotográfico do proceso de cambio dunha comunidade”.
Nesta categoría tamén houbo unha mención especial para Liminal station, de Mario Filloy, “unha película audaz e con sentido do humor, absolutamente comprometida cun argumento único e orixinal”.
Daniel Sánchez Arévalo, invitado especial da última xornada
A última xornada do festival arrancou dende primeira hora da mañá coas proxeccións de curtas nas distintas categorías oficiais. A mediodía o Torreiro encheuse de público para asistir ao coloquio co director Daniel Sánchez Arévalo, invitado especial en Cans nesta edición. Arévalo mostrou as súas dotes para a oratoria e o seu sentido do humor nun diálogo co público e co director do festival, Alfonso Pato.
O director contou distintas anécdotas da súa longa traxectoria no mundo do cine. Despois do coloquio, Arévalo deixou as súas pegadas no Torreiro das Estrelas. Arévalo adiantou que o seu último traballo, Rondallas, estrearase o 1 de xaneiro de 2026 e que a idea do filme naceu dun vídeo que lle amousou o productor Ramón Campos sobre a rondalla de Santa Eulalia de Mos. “Comecei a ver vídeos das rondallas da zona e pensei na historia. Contaxioume toda esa enerxía e amor pola comunidade”, compartiu co público de Cans.