O FESTIVAL DE CANS REIVINDICA UN ESTATUS ESPECÍFICO PARA OS CERTAMES RURAIS NO ENCONTRO DE FESTIVAIS DE CINE CELEBRADO EN ZARAGOZA

O Festival de Cans reinvindicou un estatus específico para os certames rurais no marco do I Encontro de Festivais de Cine de España celebrado estes días no Auditorio de Zaragoza. Este encontro pioneiro, que reuniu a máis de 400 profesionais do cinema de todo o Estado e a representantes de máis de 130 festivais, acolleu debates sobre cuestións como a programación, a financiación, os dereitos de autor, a accesibilidade ou a sostenibilidade.

Entre os festivais convidados, estaban os directores de algúns dos grandes certames de España, como a Seminci de Valladolid, o Festival de Málaga, o Festival Internacional de Sitges, o Festival de Sevilla ou o Festival de Xixón. O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, foi convidado polos organizadores de Arafilmfest, Coordinadora de festivais de cine de Aragón, a participar na mesa “Festivales en el medio rural”.

Xunto con Pato, na mesa estiveron Chechu León, de Octubre Corto de Arnedo (La Rioja), Isabel Roma do Cerdanya Film Festival (Cataluña) e Pedro Estepa do Festival de Territorios Despoblados de Medinaceli (Soria).

Ante o público do Auditorio de Zaragoza, entre os que estaba Ignasi Canós, director do ICAA, o Instituto de Cinematografía do Ministerio de Cultura, Alfonso Pato reivindicou un estatus específico para este tipo de certames, “que entran nunha concorrencia competitiva cunha manifesta desigualdade de oportunidades”.

Tanto o director do Festival de Cans como os representantes dos outros certames afondaron nesta desigualdade de organizar festivais en aldeas e vilas que carecen de infraestructuras, caracterizadas pola dispersión, e se debe planificar todo desde cero. “Non é o mesmo facer un festival nun espazo urbano que nun rural onde hai que montar proxectores, pantallas, equipos de son, contratar seguros e seguridade específica e ata poñer váteres portátiles”, matizou Alfonso Pato, que apelou a reflexionar neste senso a entidades como o Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia e os Gobernos autonómicos e ás Deputacións provinciais. O director do Festival de Cans reivindicou “o valor do impacto social fronte ao impacto económico, así como a elaboración artesá dos festivais nas áreas rurais, a cercanía coa xente e cos creadores e o traballo coas comunidades locais, fronte á ansia depredadora dos macrofestivais musicais”.

Xunto cos compañeiros de coloquio tamén solicitou incentivos fiscais específicos para os festivais de cine, do mesmo xeito que os teñen eventos culturais doutras disciplinas.

As curtas premiadas en Cans, este xoves en Monçao (Portugal)

Por outro lado, unha escolma das curtas premiadas na última edición do Festival de Cans proxectaranse este xoves 26 de xuño no Teatro Cine João Verde de Monção (Portugal). A sesión terá lugar ás 21,30 horas (hora portuguesa), e contará coa presença do director do Festival de Cans.

A sesión contará coa curta “Curmán” de Alejandro Jato, que recibiu o premio do Xurado e dos Veciños á mellor curta, o premio á mellor actriz para Melania Cruz e a mellor fotografía para Alicia Francés, a curta de animación “Cadáver de Dragón”, de Xosé Garnelo, que levou o Premio a Mellor curta de animación e Mellor guión, e “Monstera” de Diego R. Aballe, que levou o Premio do Público.

As proxecións, que terán unha duración completa de 75 minutos, completaranse co documental “22 Cans”, do director Javier Sobrado, sobre a última edición do certame.