A XXII edición de Cans, que terá lugar do 20 ao 24 de maio nesta aldea de O Porriño, dedicará o seu Foco Internacional ao boliviano Alejandro Loayza Grisi, chamado a ser unha das grandes promesas do cinema latinoamericano, que estará presente no certame.
Loayza é director, guionista e director de fotografía, e coa súa sorprendente ópera prima Utama, triunfou no prestixioso Festival de Sundance 2022, onde obtivo o Gran Premio na World Dramatic Competition. Ademais deste premio, esta película sobre a que planean os efectos devastadores da seca, obtivo máis dunha corentena de galardóns e participou en máis de 80 festivais internacionais. Foi a representante boliviana para os Premios Óscar 2023 e nomeada como Mellor Película Iberoamericana nos Premios Goya 2023.
Alejandro Loayza iniciou a súa carreira artística na fotografía fixa, realizando mostras, numerosas publicacións e gañando dous premios nacionais en Bolivia. Posteriormente saltou á imaxe en movemento como director de fotografía. Neste ámbito destaca o seu traballo nas curtametraxes Polvo do arxentino Emiliano Longo, Dochera do boliviano Álvaro Manzano Zambrana e El cuento de Max y Emma de Juan Pablo Ritcher, premiadas en diferentes festivais latinoamericanos. O filme Utama proxectarase na previa do festival de Cans, o sábado 17 de maio no Centro Cultural do Porriño, ás 18 horas e a sesión de curtas o martes 20 de maio ás 18 horas no Centro Cultural do Porriño.
Alejandro Loayza presentará o seu traballo en Cans e participará tamén nos coloquios Café con Crea que terán lugar o venres, 23 de maio.