NUR SULTÁN
2025 | 14’ | España | Galego | Estrea absoluta

Dirección, guión e fotografía: Xoan Escudero Produción: Noemí Chantada Produtora: Islandia Producciones Montaxe: Óscar Pardo Música: Iván Blanco Banda sonora: Nur Sultán Vai de: Nur Sultán é unha matrioska. É un filme sobre a capital de Casaquistán. A cidade chamouse Nur-Sultán durante tres anos (2019-2022); Astaná, durante os vinte anteriores (1998-2019), para logo recuperar o nome en 2022; e Akmoly, Akmolinsk, Tselinograd e Akmolá durante máis de século e medio (1830-1998). En (case) todo este tempo ocupou o mesmo espazo, pero a súa significación foi completamente distinta. En calquera caso, este non é un filme sobre xeografía nin un trivial sobre nomes de capitais: este é un filme en primeira persoa sobre o tempo que Xoán Escudero pasou aló. Ou, en palabras do director: “Os europeos tendemos á complacencia cando visitamos outros países sen ser conscientes das eivas que as nosas sociedades e nós mesmos temos. Pero nin o turismo exótico, nin o eurocentrismo, nin a capital con 100 nomes me levaron a 7000 quilómetros da miña casa. Foi unha persoa que me convidou a pasar con ela un tempo na súa cidade natal. Este é un filme sobre as miñas ganas de coñecela, de pasar tempo con ela”. O detalle: Nursultán é tamén o nome do que foi presidente de Casaquistán entre 1991 e 2019, quen en 1997 trasladou a capital do país desde Almatý a Akmolá, a actual Astaná (en casaco, ‘capital’), onde se rodou este filme.