Música

Escolle día: Previa: Sábado 17 | Mércores 21 e Xoves 22 | Venres 23 | Sábado 24

Previa: Sábado 17 de maio

ZELTIA IREVIRE
Sábado 17 | 21.00 h. | Actividade patrocinada polo Círculo Recreativo Cultural
Co seu “Folk Tribal”, Zeltia Irevire e Migui Carballido transportaranos a outra dimensión cunha combinación máxica de instrumentos acústicos e electrónicos. Letras que reivindican a sabedoría popular e a defensa do patrimonio cultural e natural de Galicia.

Mércores 21 e Xoves 22 de Maio

ACORDECANS E PANDERETEIRAS DE CANS
Mércores 21 | 21.30 h. | Torreiro de Cans | Noite das veciñas e veciños
As dúas formacións, de veciñas e veciños da aldea, poñerán a bailar a todo o público cun repertorio que reflicte a identidade e os sons de Cans e no que se mestura a música tradicional galega con composicións propias que lle aportan un estilo e sonoridade particular e identitario. AcordeCans está composto por un coro de voces e instrumentos como a gaita, acordeón, tambor, bombo e culleres.
PANCHO ÁLVAREZ | Estrea do “Cantar de Cego de Cans”
Mércores 21 | 21.30 h. | Torreiro de Cans | Noite das veciñas e veciños
O porriñés Pancho Álvarez é un músico que se inspira nos sons galegos de raíz, utilizando en especial instrumentos de corda e de percusión. Na noite das veciñas e veciños, Pancho musicará un cantar de cego que conta a traxedia que hai setenta anos marcou a aldea para sempre: a da morte de 31 persoas no accidente dun autobús que envorcou diante da escola infantil.
BANDA DE GAITAS OS ZOQUEIROS
Xoves 22 | 19.30 h. | Pasarrúas cos chimpíns | Praza do Arquitecto Antonio Palacios – Círculo Recreativo Cultural
A Banda de gaitas do Porriño acompañará o tradicional desfile de chimpíns polas rúas da vila ata o Círculo Recreativo Cultural. O seu director dende o seu nacemento é o artesán de gaitas, Xosé Manuel Gil. A vestimenta dos homes está formada por pantalón, chaleco, camisa e sombreiro, traxe típico de mediados do século XX e as mulleres visten traxes típicos da música tradicional galega.
CARABELA | Noite Lasal Cociñas
Xoves 22 | 21.30 h. | Praza do Concello
Logo de se converter nunha das máis recentes revelacións do panorama musical galego co seu EP Nó (2023), Carabela, banda de Noia, publicou en 2024 o seu segundo EP, A noite. Neste novo traballo, o grupo continúa afondando na súa singular fusión coa tradición desde un pop electrónico orientado ás rompentes da vangarda, cos ollos postos en referentes como Mercedes Peón, Néboa, Slowdive ou Radiohead. Finalista nos Premios Martín Códax da Música Galega na categoría Electrónica (2023) e Premio Narf 2024.

Venres 23 de Maio

CAAMAÑO&AMEIXEIRAS | Apadriña Paco&Lola
Venres 23 | 20.00 h. | Torreiro de Cans
Grandes expoñentes a nivel internacional da nova música tradicional galega. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas. O tratamento íntimo e profundo da tradición popular galega, cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, é a proposta que Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras levan aos seus directos, que chegaron xa a países como Italia, Bélxica, Francia, Portugal ou Austria. Nestes últimos anos de carreira, a súa música mudou deses sons alegres e ese carácter colaborativo a un aspecto máis íntimo, acadando un éxito que lles valeu un Premio Martín Códax da Música na categoría de Folk.
TREBOADA VIRXE DO ALIVIO | Apadriña Concello de Tomiño
Venres 23 | 21.30 h. | Pasarrúas cos chimpíns
A Asociación Cultural Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio de Tomiño naceu coa intención de xuntar a veciños e veciñas interesados polo baile. Contan cunha escola de gaitas, de danza, de percusión, de pandeiretas e mesmo coa treboada que amenizará o clásico desfile de chimpíns.
BIZNAGA | Apadriña Estrella Galicia
Venres 23 | 23.30 h. | Espazo Estrella Galicia da Leira do Río
Son parte dunha xeración de músicos formados arredor do punk. Biznaga é un dos mais firmes candidatos a traspasar as fronteiras sempre difíciles entre este xénero e o gran público. Dunha maneira moi personal conseguiu perfeccionar a base de melodía, discurso comprometido e actitude, unha sorte de canción protesta contemporánea. Os cinco traballos publicados ata agora pola banda son boa proba de como desenvolver unha traxectoria a base de grandes cancións, sen concesións no retórico, nin renuncias no melódico.
Sesión Discochimpín: DJ RAPANTE
Venres 23 | 1.00 h. | Espazo Estrella Galicia da Leira do Río
A viguesa Paula Somoza, dj da sala Kominsky de Vigo, pechará a noite. A súas sesións destacan por unha gran selección, con cancións de ritmos caribeños a outras que percorren xéneros clásicos coma o funk, o hip hop ou a música disco.

Sábado 24 de Maio, día grande! 

Sesión vermú: Abril Apadriña VERMÚ POVARELO
ABRIL | Apadriña Vermú Povarelo
Sábado 24 | 13.30 h. | Torreiro de Cans
Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que adaptan melodías tradicionais galegas e ibéricas a sonoridades actuais con intimidade, personalidade e frescura. Abril achéganse a un folk contemporáneo no que a pandeireta o pandeiro ou o violín folk envolven un coidadísimo repertorio que pon en valor a música de raíz galega sen deixar de lado a modernidade en harmonía co presente.
Banda Gaitas San Xurxo Mosende
BANDA DE GAITAS SAN XURXO DE MOSENDE
Sábado 24 | 15.30 h. | Pasarrúas cos chimpíns
Este grupo de gaiteiros de O Porriño son os encargados de dar o inicio e acompañar cos seus sons, ao desfile de chimpíns que percorre Cans cos convidados ata o Torreiro.
A BANDA DA LOBA
A BANDA DA LOBA | Apadriña Estrella Galicia
Sábado 24 | 19.00 h. | Espazo Estrella Galicia da Leira do Río
Andrea, Estela, Iria, Marcela e Xiana forman A banda da Loba, que leva publicado os discos Bailando as rúas, Fábrica de luz, Hasme oír e Xabón Lagarta, á espera de sacar este ano Lovismo. O amor non foi nunca un tema especialmente tratado por elas, pero tras una última etapa na que estivo tan presente nas súas vidas, por diversos motivos, decidiron explorar e falar sobre el e as súas múltiples formas e expresións. #Lovismo é amor e transformación. E ti, convérteste en Loba?
Sesión Discochimpín: DJ ITRYNOTTOTHINK
Sábado 24 | 20.30 h. | Torreiro de Cans
Itrynottothink (Noemí Díaz Patiño) debuta aos pratos en Galicia no Festival de Cans, onde leva unha década traballando entre bambolinas. Directora de arte e creativa, achegouse á música desde a imaxe, a través da fotografía e do vídeo. Nos últimos anos explora o son no podcast Diario futuro, dispoñible en Spotify. Residente en Porto, Noe déixase levar por ritmos sen fronteiras, en sesións nas que mestura sen complexos os Beatles con Bad Bunny ou Camela. Estades listas para “perrear”?
GUADALUPE PLATA
GUADALUPE PLATA
Sábado 24 | 21.30 h. | Torreiro de Cans
De Úbeda chega ao Torreiro unha das bandas máis personais e hiptónicas do panorama underground de todo o planeta: mestura de blues primitivo, rock pantanoso e psychobilly lisérxico que beben da psicodelia e do garaxe máis crú, destilados pola voz e a guitarra de Pedro de Dios Barceló e pola batería de Carlos Jimena. Ese espírito salvaxe está nos seus discos, traballos que lle valeron o recoñecemento internacional (premios Ojo Crítico de RNE, IMPALA ao Mellor Álbum Independente Europeo e varios galardóns nos Premios de la Música Independiente), concertos en festivais e salas de Europa, América Latina e Estados Unidos, e mesmo converterse no capricho confeso de Iggy Pop.
SANTERO Y LOS MUCHACHOS
SANTERO Y LOS MUCHACHOS | Apadriña Estrella Galicia
Sábado 24 | 00.00 h. | Espazo Estrella Galicia da Leira do Río
Teñen unha identidade única no panorama español pola súa proposta de rock repousado. Lonxe de estridencias, buscan centrarse nas letras e melodías conxugadas coas súas voces. Presentan en Cans Una noche en Les Art, repaso a toda a súa traxectoria, directo con versións das súas mellores cancións adaptadas ao emblemático recinto valenciano, ateigado no concerto no que gravaron o disco. Con este novo proxecto, Santero y Los Muchachos demostran que o rock pode ser un xénero en constante evolución, capaz de reinventarse sen perder a súa esencia.
SERIAL KILLERZ
Sesión discochimpín: SERIAL KILLERZ
Sábado 24 | 01.30 h. | Espazo Estrella Galicia da Leira do Río
Serial Killerz (Joe Cabana, nos pratos, e J. Arriola, na batería) crearon unha das propostas máis sorprendentes do rock electrónico nacional, coa que o dúo espreme e mestura xéneros en aparencia incompatibles. Nesa posta en escena —adrenalínica, contundente e un chisco tola— o mesmo pasan dun tema de AC/DC ou dos Ramones a outro de Nina Simone, sen perder nunca a técnica impecable que os caracteriza e da que seguro imos gozar todos nesta edición de Cans.