O cantante e músico Mondra, un dos grandes artistas galegos actuais, fará unha actuación única no Festival de Cans poñendo música en directo ao filme mudo Miss Ledya, película de 1916 que está considerada a primeira obra de ficción rodada en Galicia e na que Castelao ten un papel como actor.
A actuación será un dos grandes atractivos do festival e forma parte das accións especiais que prepara o certame para celebrar o Ano Castelao, que conmemora os 75 anos do falecemento dunha das figuras máis influíntes da cultura galega. Terá lugar na tarde do venres 23 de maio, con aforo reducido só para 90 persoas e un prezo de 5 euros a entrada, que se pode mercar desde hoxe na tenda online do festival. A actividade terá lugar no Baixo de Bugarín, un dos espazos máis emblemáticos e auténticos do festival.
Martín Mondragón, máis coñecido como Mondra, é un dos artistas máis innovadores da colleita galega dos últimos anos. Aceptou o desafío do Festival de Cans de crear unha atmosfera sonora inédita para acompañar a curtametraxe Miss Ledya, unha obra muda rodada en escenarios como a Illa da Toxa e dirixida polo cineasta pioneiro José Gil sobre un argumento de Rafael López de Haro.
O filme conta a historia de Miss Ledya, fermosa e excéntrica señorita norteamericana, que chega a Pontevedra acompañada do seu pai, un rico financeiro ianqui. Miss Ledya alóxase no hotel da Illa da Toxa, onde están de incógnito os reis de Suavia, ameazados polos anarquistas. A película está protagonizada por Fefa Ximénez de Sandoval e entre os 16 actores e actrices principais do elenco figura Alfonso R. Castelao, quen encarnou o pastor protestante. Cunha duración de 22 minutos, filmada en branco e negro, máis aló do seu valor cinematográfico, a obra destaca por ser o testemuña da sétima arte en Galicia.
Mondra, cantareiro e bailador de Teo, basea a súa proposta artística nun diálogo constante entre a nosa tradición oral e outras tendencias. Así mesmo, fai uso de melodías e instrumentos de noso e reinterprétaos nun relato para hoxe e nun xogo teatral cargado de simbolismo, cunha perspectiva cuir. No vindeiro mes de maio presentará o seu novo traballo, “DE RONDA”, do que incorporará elementos na actuación que prepara para o Festival de Cans, acompañado de membros da súa banda. O artista galego experimentará co son para crear esta atmosfera sonora sen renunciar á esencia da súa música e á narración do propio filme.
A de Mondra é unha das accións transversais sobre a figura do escritor, ilustrador e político galego que ten previstas o Festival de Cans para conmemorar o Ano Castelao. Ademais da chiscadela no cartaz e a estrea do filme Antes de nós de Ángeles Huerta, o festival organizará o mesmo día da estrea un encontro cun chef promovido por Estrella Galicia, que preparará para a ocasión a “Tapa Castelao”.
As cantareiras de Cans tamén se sumarán a esta celebración, recuperando a canción de “Lela”, letra que escribiu Castelao e que forma parte da obra Os vellos non deben de namorarse, e que foi musicado polo compositor galego Rosendo Mato Hermida. Cantarase de xeito colectivo no Torreiro de Cans o sábado 24 de maio, no remate do roteiro de Xurxo Souto, no que músicos e veciños percorrerán os camiños da aldea cantando e tocando instrumentos populares e contando historias da aldea.