Lendocine

Xoves 22 | 17.30 h. | Botica Nova, Parque do Cristo

LendoCine volve para mergullarse no cinema desde os libros. A Botica Nova de Antonio Palacios garda o pouso dos escritores e intelectuais que acudían aos seus faladoiros. Ningún sitio mellor para conversar sobre cinema e libros. Trátase de achegar estas obras ao público na compaña dos seus autores. Con Iria Misa, Manolo González, Milena Martínez, e Carlos Rego.

LIBROS E AUTORES

A excursión a Cans. Unha veciña de película, de IRIA MISA. Edicións Xerais, 2025. Seguindo a liña de Unha veciña de película, Iria continúa cun novo libro da saga. Desde o verán pasado, os xemelgos Elsie e Simón non saben nada de Alice, a súa estrafalaria veciña cineasta coa que viviron emocionantes aventuras de película. Mais é posible que iso cambie o día que van de excursión co cole ao Festival de Cans. Que aventuras estarán a agardar por eles dentro da pantalla? A historia transcorre na aldea ao mesmo tempo que se desenvolve o festival.
O cineísta andarengo: A propósito de Bernardino de Lamas, de MANOLO GONZÁLEZ. Edicións Embora, 2025. Neste novo ensaio, o autor indaga sobre o cineasta ferrolán Bernardino de Lamas, considerado o primeiro documentalista de Galicia. O seu nome real era Alfono Piñon e entre 1924 e 1932 rexistrou ata cen películas que duraban entre un minuto e minuto e medio. Viviu en Cuba e en Madrid e os avatares da súa azarosa vida eran un misterio ata que Manolo González afondou nela.
El imaginario fantástico de Tim Burton, de MILENA MARTÍNEZ BASALO. Editorial Héroes de papel, 2024. Este ensaio explora a filmografía do director de Eduardo Manos Tijeras, Big Fish ou Charlie e a fábrica de chocolate. O libro mostra todo o potencial creativo de Burton: non só as claves do seu cinema, senón outras facetas da súa creatividade, como a pintura. A ourensana Milena Martínez presenta unha obra indispensable para os admiradores deste director de culto.

Bibiano. Cambiar para ser un mesmo, de CARLOS REGO. Editorial Galaxia, 2025. A intención primeira deste libro é rescatar do esquecemento o Bibiano músico –xa que nos últimos anos da súa vida era máis coñecido pola súa faceta de promotor e organizador de concertos e produtos culturais que pola súa obra musical– e indagar na súa evolución artística, ao tempo que se intenta explicar unha evolución persoal fascinante, contraditoria para moitos, desde os seus anos no pop en Compostela ata o apoxeo e ocaso no mundo dos negocios, pasando pola súa actividade en Voces Ceibes.