A directora Ángeles Huerta, a productora Zaza Ceballos e os actores Cris Iglesias e Xoán Fórneas conversaron esta mañá co público do Festival de Cans presentando o filme Antes de nós, sobre a vida de Castelao. O equipo acompañou a estrea da película en Cans antes da súa chegada a salas de cinema este venres.
“O público vai descubrir a outro Castelao, fóra da figura que se coñece. Un Castelao máis novo, máis íntimo, máis persoal. A película atravesa dous momentos pero está sempre presente a relación con Virxinia”, comentou a directora Ángeles Huerta. Xusto sobre a figura de Virxinia, interpretada por Cris Iglesias, a actriz agradeceu “poder coñecer e achegarse a unha personaxe tan forte” e que para ela era “descoñecida”. Xoán Fórneas, quen dá vida a Castelao, puxo en valor o labor de caracterización e o reto que supuxo captar o acento propio de Rianxo, tan distintivo na figura do histórico político galego. Pola súa parte, Zaza Ceballos adiantou ao público de Cans que prepara dous proxectos tamén relacionados con figuras distintivas de Galicia, María Casares e Maruja Mallo.
A proxección da película, que un retrato íntimo e emocional de Castelao, terá lugar hoxe ás 20 h no Círculo Recreativo e Cultural (CRC) do Porriño. Antes da proxección haberá unha degustación na Praza do Concello da “tapa Castelao” en honor da película grazas a colaboración de Estrella Galicia do chef Juan Carlos Perret do Kero Restaurante, unha fusión de cociña galaico peruana a partir do plato favorito de Castelao que tomaba no Balneario de Mondariz, o arroz con pito.
Tamén pasaron hoxe polo festival a directora Margarita Ledo e a actriz Mónica Caamaño a presentar a súa última longametraxe Prefiro condenarme, que competiu no Festival de Sevilla e foi finalista aos Premios Mestre Mateo este ano, conta a historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol. Confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo.
Pola mañá continuaron os coloquios da fundación AISGE con actrices e actores. Hoxe estiveron no Torreiro de Cans Uxía Blanco, Eduardo Rodríguez “Tatán”, Luma Gómez, Aurora Mestre, Fernando Morán e Manuel Botana, que anticiparon parte do relato das memorias que están escribindo cada un deles
Esta tarde terá lugar a primeira procesión de Chimpíns polas rúas do Porriño acompañados pola banda de gaitas Os Zoqueiros e o remate da xornada será a Noite Lasal de Videoclips. Antes do tradicional concurso de videoclips, a banda Carabela actuará ás 21.30 h na Praza do Concello.
Mondra, Biznaga e Caamaño&Ameixeiras preparan as actuacións musicais de mañá venres
A xornada de mañá será a primeira dos dous días centrais do festival. No Torreiro reuniranse pola mañá algún dos nosos grandes actores a actrices do momento, Tamar Novas, María Vázquez, Nerea Barros e Lucía Veiga.
Previamente, haberá un encontro cos cineastas Xiana do Teixeiro, Pablo Dopazo, Alejandro Loayza e Alfonso Zarauza, quen realizará un coloquio no Torreiro de Cans ás 19 h, colocará a súa estrela e recollerá o Premio Pedigree. Tamén creadores como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Angel Santos e Adrián Canoura amousarán as primeiras imaxes dos seus novos filmes.
Mondra actuará pola tarde musicando en directo a curtametraxe Miss Ledya, que conta con Castelao como actor, con entradas esgotadas desde hai semanas, e estrearase o documental Crónicas dun non, de Fernando Rodríguez Peñaño, con acceso libre ata completar aforo.
Ademais dun encontro con Zarauza, terá lugar a noite das homenaxes, e o concerto Paco&Lola de benvida de Caamaño&Ameixeiras e as actuacións de Bizgana e DJ Rapante.
AXENDA VENRES
- 10.00h. Café con CREA no Baixo de Carlos.
- 11.30h. A que andas? Coloquio con Xiana do Teixeiro, Nerea Barros, Pablo Dopazo, Alejandro Loayza e Alfonso Zarauza no Baixo de Carlos.
- 13.00h. Coloquio AISGE con María Vázquez, Tamar Novás, Nerea Barros e Lucía Veiga no Torreiro de Cans.
- 16.00h. Fillos de Cans no Baixo de Carlos.
- 17.30h. Mondra musica Miss Ledya no Baixo de Bugarín.
- 18.30h. Proxección do documental Crónicas dun non no Baixo de Bugarín.
- 18.30h. Retrospectiva de Caamaño&Ameixeiras no Cuberto de Mucha do Peso.
- 19.00h Encontro con ALfonso Zarauza no Torreiro de Cans.
- 20.00h. Concerto de Caamaño&Ameixeiras no Torreiro de Cans.
- 21.00h. Colocación da estrela Alfonso Zarauza.
- 21.30h. Procesión de chimpíns.
- 22.00h. Noite das Homenaxes na Leira do río.
- 23.30h. Concerto de Biznaga na Leira do río.
- 1.00h. DJ Rapante na Leira do río.