A noite dos veciños e a sección Novas Camadas enchen Cans de emocións e talento emerxente

A segunda xornada do Festival de Cans inaugura os coloquios e encontros con profesionais que se desenvolverán ao longo de todo o certame. A xornada contou durante a mañá coa celebración dun coloquio, patrocinado pola Fundación AISGE, no que participaron os actores Adrián Ríos, Sabela Hermida, Isabel Blanco e o membro de Aisge Francisco Jiménez.

Os participantes reflexionaron sobre o presenza da muller en pantalla no audiovisual galego. Isabel Blanco fixo fincapé na “calidade dos papeis das actrices comparado cos papeis dos actores”, Adrián Ríos subliñou a “precariedade” dos compañeiros do sector e Sabela Hermida denunciou os “estereotipos dos papeis aos que se enfrontan elas”.

Tamén esta mañá tivo lugar un encontro cos máis cativos onde mulleres do audiovisual galego deron a coñecer oficios invisíbeis. A directora de fotografía Alicia Francés falou cos rapaces sobre profesións normalmente invisibilizadas.

Hoxe será un día moi especial coa Noite dos Veciños e o comezo das proxeccións da Sección Oficial coas curtas de Novas Camadas, onde se descobren talentos emerxentes do audiovisual galego e se proxectan os traballos das creadoras e creadores menores de 25 anos que realicen a súa primeira obra.

Pola noite está prevista en Cans a Noite dos Veciños, na que se colocará no Muro don Chimpíns unha placa homenaxe ao veciño Adriano Campos. Tamén haberá momentos emotivos na lembranza e homenaxe á señora Alicia, unha das veciñas máis emblemáticas da aldea e que faleceu o pasado mes de xaneiro en Santiago de Compostela uns días antes de cumprir 97 anos.

Tamén esta noite terá lugar a estrea do documental 26 de febreiro de 1955. O proxecto colectivo Cans 303, coordinado polo cineasta Juanma Lodo, realizouse sobre o accidente que marcou á aldea e no que 31 persoas faleceron ao incendiarse un autobús en 1955. O equipo do documental rescatou un histórico cantar de cego arredor desta traxedia que os cegos cantaban de feira en feira, e que será musicado por Pancho Álvarez, multiinstrumentista que formou parte do núcleo fundacional do grupo folk “Na Lúa”, e na actualidade forma parte da banda de Carlos Núñez.

Mañá xoves estrea do filme Antes de nós e coloquio matinal cos protagonistas no Torreiro

Mañá terá lugar a apertura oficial do festival no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño coa estrea do filme Antes de nós, de Ángeles Huerta arredor dunha etapa decisiva da vida de Castelao. A estrea estará arroupada polos protagonistas do filme Cris Iglesias e Xoán Fórneas ademais da directora Ángeles Huerta e a productora Zaza Ceballos, que pola mañá realizarán un coloquio co público ás 13 h no Torreiro de Cans.

Antes de nós, participada por CRTVG, é un retrato íntimo e emocional de Castelao. A historia céntrase en dous momentos clave da súa vida: o seu labor como médico durante a pandemia de gripe de 1918 e a viaxe a Bretaña en 1929 coa súa esposa, tras a dolorosa perda do seu fillo Chuchiño.

O programa de mañá tamén ofrecerá ás 19hs a proxección do filme Prefiro condenarme, de Margarita Ledo, coa presenza da directora e unha das actrices protagonistas Mónica Camaño, a Noite Lasal de videoclips que contará coa actuación do grupo Carabela, gañador do premio Narf da Deputación da Coruña e máis coloquios e encontros entre outras actividades.

AXENDA XOVES

  • 10.30h. Mesa “Galiza- Portugal”: Por fin creando circuito para filmes? no Baixo de Carlos.
  • 11.30h. Coloquio AISGE con actrices e actores no Torreiro de Cans.
  • 13.00h. Encontro co equipo do filme Antes de nós no Torreiro de Cans.
  • 17.00h. Presentación do filmePrefiro condenarme no Círculo Recreativo Cultural.
  • 17.30h. Lendocine na Bótica Nova de Antonio Palacios.
  • 18.30h. Coloquio Dálle Caña con realizadores de videoclips a concurso no Centro Cultural Municipal.
  • 18.30h. Tapas de Cine na Praza Arq. Antonio Palacios.
  • 19.30h. Procesión de chimpíns nas rúas do Porriño.
  • 20.00h. Apertura oficial do festival co filme Antes de nós no Círculo Recreativo Cultural.
  • 21.30h. Actuación de Carabela na Praza Arq. Antonio Palacios.
  • 22.30h. Concurso Noite Lasal de Videoclips na Praza Arq. Antonio Palacios.