A XXII edición do Festival de Cans arrancou esta mañá coas primeiras visitas de grupos de escolares á aldea para coñecer in situ o evento, asistir a proxeccións e coa inauguración da Rúa Efémera, coa que se rende homenaxe á cineasta pioneira galega Cruz Risco.
Xa pola tarde darán comezo as proxeccións coas curtametraxes latinoamericanas no marco da retrospectiva internacional de Alejandro Loayza, quen destaca tamén polo seu traballo como director de fotografía nas curtametraxes Polvodo arxentino Emiliano Longo, Dochera do boliviano Álvaro Manzano Zambrana e El cuento de Max y Emma do cineasta boliviano Juan Pablo Richter, premiadas en diferentes festivais latinoamericanos, e que se proxectarán en Cans.
A programación cinéfila continuará hoxe coa proxección do documental Aillados, de Antón Caeiro. O documental forma parte da homenaxe que o festival preparou sobre a figura de Alfredo Bautista Alconero “Reisiño” polos 25 anos do seu falecemento (1912 – 2000). Alfredo Bautista Alconero, coñecido como Reisiño para algúns e señor Rey para outros, naceu en Ponteareas e fixo do Porriño o seu fogar despois do seu matrimonio. Tras o golpe de Estado de 1936, foi detido e condenado a cadea perpetua, unha pena que foi posteriormente conmutada por 30 anos de prisión na illa de San Simón, onde creou caricaturas dos seus compañeiros de prisión. O director, Antón Caeiro, e de familiares de Alfredo Bautista Alconero estarán en Cans presentando o documental que retrata a illa de San Simón como cárcere franquista. A proxección estará seguida polo avance das primeiras imaxes en exclusiva do filme San Simón, que contará coa presenza do director Miguel Ángel Delgado e do actor Eduardo Rodríguez “Tatán”. Seguido deste avance, tamén se estreará a canción “Libertad”, rescatada a partir dun documento sonoro da voz de Reisiño, composta por Fernando Buide e que interpretarán por vez primeira ante o público As Mosas.
A segunda xornada traerá coloquios e a famosa Noite dos Veciños
Tras esta primeira xornada inaugural, o festival prepara o seu segundo día. Mañá darán comezo os coloquios. A Fundación AISGE organiza un coloquio en torno aos actores e actrices que contará co actor Adrián Ríos, e as actrices Sabela Hermida e Isabel Blanco, tamén Delegada en Galicia da Fundación AISGE, acompañados por Francisco Jiménez Merchante, Director Socios y Reparto de Derechos de AISGE. Así mesmo, será o coloquio de AGAPI Impulsa, proxecto adicado á impulsar as obras de cineastas e guionistas menores de 30 anos.
Tamén comezarán as proxeccións de Novas Camadas Deleite, a sección que da visibilidade aos traballos das creadoras e creadores máis novos. O día de mañá estará cheo de momentos emotivos como a colocación da placa no Muro de Chimpíns ao veciño Adriano Campos, de 91 anos, que recibe este ano un Chimpín de Prata. A xornada do mércores terminará no Torreiro de Cans coa Noite dos Veciños, onde se rendirá homenaxe á señora Alicia, estrearase o documental sobre a traxedia de Cans 26 de Febreiro de 1955 xunto coa estrea do cantar de cego de Cans rescatado este ano e que musicou Pancho Álvarez, sobre o accidente da aldea, e haberá actuacións de Acordecans e As Pandereteiras de Cans, entre outras actividades.
AXENDA MÉRCORES
- 11.00h. Coloquio AISGE con actrices e actores no Baixo de Carlos.
- 12.30h. Coloquio AGAPI Impulsa no Baixo de Carlos.
- 16.30h. Dalle Caña, encontro cos cineastas de Novas Camadas no Torreiro de Cans.
- 18.30h. Proxección Novas Camadas no Baixo de Carlos.
- 20.30h. Homenaxe ao can de Cans na rotonda de Adroza.
- 21.00h. Colocación da placa de Adriano Campos no Muro dos Chimpíns.
- 21.30h. Noite dos veciños no Torreiro de Cans.