UN PROXECTO SOBRE O FESTIVAL DE CANS ESTARÁ NA BIENAL DE VENECIA DE ARQUITECTURA, A MÁIS IMPORTANTE DO MUNDO

A Bienal de Venecia de Arquitectura, considerada a máis importante do mundo, acollerá na vindeira edición un proxecto baseado no Festival de Cans e os seus jalpóns, que cada ano se reconvirten en espazos adicados ó cine, e que este ano prevé celebrar a súa XVII edición entre o 2 e o 5 de setembro.

O proxecto “Cans: arquitectura de consenso”, foi desenvolvido polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, do prestixioso estudio arquitectónico de A Coruña CreuseCarrasco, e foi un dos 34 proxectos seleccionados entre os varios centenares de proxectos que concurriron.

Estes dous arquitectos, seguidores fieis do Festival de Cans desde as primeiras edicións e bos coñecedores dos espazos da aldea, presentaron un proxecto tentando responder á pregunta que plantea a Bienal de Venecia nesta edición: “How will we live together?” (Cómo vivir xuntos?). Os eixos centrais do traballo baséanse na idea de Cans como un proxecto que estimula a recuperación do patrimonio, explora novas formas de convivencia, e pon en valor o sentimento de colectividade como un xeito de afianzar unha base de identificación co certame.

No Pabellón Español da Bienal de Venecia, que terá lugar entre os meses de maio e novembro de 2021, explicarase o Festival de Cans desde o punto de vista da arquitectura e a transformación de espazos de uso cotiá en salas de cinema. Esta idea expoñerase a través de material gráfico, vídeos e paneis, así como un espazo adicado especificamente a un plano da aldea coas maquetas físicas deseñadas expresamente para esta exposición, realizadas polo estudio CreuseCarrasco.