‘Eroski Paraíso’ e ‘Global Player’, proxeccións estrela do segundo día de Cans

Mañá xoves, o Festival de Cans acolle como filme de apertura a pre-estrea de Eroski Paraíso e a proxección de Global Player, a película que completa a primeira retrospectiva internacional do certame dedicada ao director alemán Hannes Stöhr. Logo da Noite dos veciños e veciñas do mércores, este ano o público terá a oportunidade de ver unha das películas máis agardadas polo público: Eroski Paraíso, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da adaptación da obra de teatro homónima escrita polo grupo Chévere. Unha obra moi aclamada, que xa viron no teatro máis de 32.000 persoas e que pasou por 15 das 17 comunidades autónomas de España e outras cidades europeas como Braga e París. Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias protagonizan esta meta-película chea de recordos familiares na que o personaxe de Alex intenta rodar, como proxecto de fin de carreira, un documental sobre a sala de festas Paraíso onde se coñeceron seus pais, hoxe convertida nun supermercado Eroski. Os directores e o seu elenco principal presentarán a película ás 20h00 no Círculo Recreativo Cultural, logo de participar no desfile de chimpíns que sairá ás 19h30 da Praza do Concello acompañada coa música de Os Zoqueiros.

Antes, ás 17h00 da tarde, o Círculo acollerá a estrea en Galicia do filme Global Player de Hannes Stöhr. Esta película completa a primeira retrospectiva internacional que o Festival de Cans lle dedicou a este director de orixe alemán pero moi vinculado a Galicia. Global Player, o seu filme máis recente ata o momento, fálanos da influencia da globalización con toques de comedia, a través da situación dunha pequena empresa familiar dedicada ao textil no sur de Alemaña. Hannes Stöhr estará no Porriño para presentar o seu filme e para ter un encontro co público ao remate da proxección.

Noite LASAL dos videoclips

Na noite do xoves celebrase outro dos eventos máis esperados e de máis popularidade do Festival de Cans: o concurso de videoclips. Nesta sección presentanse as propostas audiovisuais galegas máis recentes, compostas por unha gran variedade de grupos e de creadores con estilos visuais e musicais variados, que rematará co concerto de Aries, o proxecto en solitario de pop luminoso e harmónico da bilbaína Isabel Fernández Reviriego. Antes desta gran celebración, concretamente ás 17h30 na Sala Ingrávida, terá lugar o encontro Dálle Caña, no que estas e estes cineastas se reunirán para compartir as súas experiencias cos asistentes. Ás 22h00 comezará o evento na Praza do Concello, que contará coa presenza do xurado dos clips formado por Carlos Alberto Alonso –músico e realizador-, Patricia Moon –cantante, música e compositora- e Paco Serén –músico, realizador e produtor-, onde se proxectarán os seguintes clips:

  • “G7” de Lara Isabel Gómez para Igloo.
  • “Scalextric” de Emilio Horyaans para KADETTGSI.
  • “Desdibuxar” de Carlos Lago para Guadi Galego.
  • “What me left behind” de Rubén Domínguez para Músculo!
  • “Mártires” de Andreia Táboas para Xoana
  • “Older with you” de Soledad Rebollo para Birds & Cables
  • “Veleno” de Adrián González para GHZ feat Hugo Guezeta
  • “Nunca lo veremos” de José Aragunde e Ana Seoane para La casa de los ingleses
  • “El Salto” de Pulpiño Viascón para Silvia Penide
  • “Olvídame” de Adrián Canoura para Baiuca e Aliboria
  • “Ponte de pijo” de Sara Iglesias para Contenedor de mierda
  • “Val” de Rubén Domínguez para Pantis
  • “Sola con mi voz” de Adrián Canoura para Blanco Palamera
  • “Totally Wired” de Camille Hedouin e Didier Jujax para MounQup
  • “Gris” de Xaime Miranda para Basanta
  • “Somos incendio” de Rubén Domínguez para Berta Franklin
  • “O fío do que pendo” de MJ Pérez para MJ Pérez
  • “Vision” de Peque Varela para Window Pane
  • “Loco Chamanes” de Gero Costas para Thee Blind Crows

Máis alá do audiovisual

O Festival de Cans, no seu intento de abrir e explorar outras disciplinas, celebrará nesta xornada outras actividades como o concurso “Pintar o cine”, que sustitúe ao Can Parade, que comezará na Praza do Concello ás 15h. Os soportais da Tenda Tía Tata do Porriño acollerán a nova actividade LendoCine, un espazo no que se darán a coñecer libros recentemente publicados nos que o cine é o trasfondo ou o protagonista principal. Por se fose pouco tamén haberá oco para a gastronomía no que o público poderá degustar grazas a Estrella Galicia as Tapas de cine que cociñará en directo Pablo Pizarro, do restaurante coruñés BocaNegra.

Asimesmo, pola mañá haberá espazo para a reflexión en Cans coa celebración do coloquio de Proxecta Constrúe “Achegar os festivais ao público novo: escoitar para programar”, unha mesa impulsada pola Coordinadora Galega do Audiovisual ou o coloquio que xuntará ás asociacións audiovisuais na mesa “Audiovisual, unidas e unidos no que nos preocupa”. Tamén terá lugar a presentación do Proxecto Orballo (dentro dos coloquios de AISGE), un obradoiro que no que Mariana Fernández e os actores Raquel Espada e Miguel Canalejo revisarán escenas de cine e de series de televisión dende a perspectiva de xénero. Completan o programa os roteiros cinéfilo-literarios con Carlos Meixide e Xosé A. Perozo e a actividade Cans do Futuro que este ano realiza en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual o encontro “Oficios Invisibles” que mañá traerá a Cans á directora de fotografía Lucía C. Pan para que converse cos escolares que nos visitarán.