Budiño, Antón Reixa e Chisme convertirán o Invernadoiro de Mucha do Peso nun dos espazos estrela do Festival de Cans

A señora Mucha e o seu home, Juan, dúas das persoas de maior idade da aldea de Cans, 80 e 88 anos respectivamente, comezan estes días a estirar a alfombra vermella para acoller de novo no seu cuberto e no seu invernadoiro, unha das chamadas a ser a programación estrela da XVI edición do Festival de Cans.

Este novo espazo, o Invernadoiro, comezou o pasado ano como un novo espazo singular en período de proba e supuxo toda unha sorpresa, un éxito totalmente inesperado para a propia organización sobre todo pola enorme repercusión que tivo a actuación de Kevin Weatherill, o líder da banda Immaculate Fools.

En cousa dun mes, o 25 de maio, Fernando Epelde, “Chisme”, Xosé Manuel Budiño e Antón Reixa serán os encargados de recoller o testigo e afianzar aínda máis ese nexo case tanxible entre proxeccións audiovisuais e música, partindo dun espazo realmente atractivo para un número reducido de público e co aliciente ademáis de ser en varios casos, obras inéditas que verán a luz en Cans por vez primeira.

Un dos grandes atractivos da programación será a estrea mundial do filme SYD. Efectos especiales dejan de ser especiales con el tiempo de Fernando Epelde. Ademais de ser o autor da canción oficial deste ano Falando de Cans, é un dos creadores galegos máis interesantes dos últimos anos sendo actor, dramaturgo e músico. As súas creacións audiovisuais teñen unha liña de creación moi marcada, na que se mesturan a Serie B, a banda deseñada e a estética underground. SYD é unha película sobre a fraxilidade ética do cinema e as historias que contamos, protagonizada por personaxes de escasos principios morais. Unha comedia macabra sobre a necesidade de aproximar os relatos aos feitos, tal e como sucederon, nesta época de posverdade e manipulación da memoria.

> Esta actividade terá lugar de forma íntegra no Cuberto de Mucha do Peso, ás 16h do sábado 25 de maio (aforo: 90 persoas).

Xosé Manuel Budiño converteuse nunha das personalidades máis relevantes da música galega das dúas últimas décadas e cunha sólida carreira de media ducia de discos como compositor e gaiteiro excepcional, acaba de publicar Fulgor, o séptimo disco da súa traxectoria, co cal da un sorprendente xiro cara o pop, sacando á luz sen complexos o cantante que levaba dentro e revélase como un magnífico compositor de cancións pop. Unha oportunidade única para coñecer de primeira man esta evolución, contado por él mesmo, e rexistrada nunha escolma dos seus clips, onde figuran realizadores habituais en Cans como Enrique Otero ou Roi Fernández, ou se rescata un clip case descoñecido como é Rapabestas, que a finais dos 90 realizara Tareixa Montes coa colaboración de Jorge Coira.

> Esta actividade terá lugar no Cuberto de Mucha do Peso (proxección) e no Invernadoiro (concerto), ás 19h do sábado 25 de maio (aforo: 90 persoas).

E tras estar apartado un tempo dos escenarios Antón Reixa volverá a Cans para presentar o seu proxecto propio, Melancoholemiaunha proposta experimental de música e imaxes, aberto de ritmos, melodías, temas e versos recén chegada do WOMAD de Cáceres (estrea en Galicia). Coa imaxe do realizador Antonio Segade, inseparable compañeiro de viaxe, e as bases musicais de Cachopou e do Hevi, cerebro de Maladrómeda.

> Esta actividade terá lugar de forma íntegra no Invernadoiro, ás 22h do sábado 25 de maio (aforo: 130 persoas).

A venda das entradas para cada unha destas actividades xa está habilitada a través de tenda.festivaldecans.com a un prezo de 5€ (prazas moi limitadas). Súmanse así ás entradas para as proxeccións de FuraCans e aos últimos packs de lanzamento con desconto dispoñibles para a Sección Oficial de Ficción e Animación, que rematan o seu prazo de venda este domingo 28 de abril.