Ata sempre Divina

O Festival de Cans lamenta o falecemento da popular veciña da parroquia Divina Campos, coñecida como Divina do Castillo, que nos deixou ós 86 anos. No ano 2012, o festival concedeulle o Chimpín de Prata como recoñecimento ó seu apoio ó festival e á súa colaboración entusiasta, poñendo este galardón no Muro dos Chimpíns.

Divina era unha muller moi popular en Cans, onde formaba parte desde hai anos do grupo das Pandereteiras de Cans, e tamén coñecida pola súa afición á pintura e a escribir relatos. Coas múltiples creacións que ó longo do ano desenvolvía no seu estudio, Divina montaba nos días do Festival de Cans unha exposición no baixo da súa casa no Barrio do Castillo, coñecida como “ExpoDivina”. Na súa casa recibía a todo o público que quixese visitar as súas pinturas, e lle explicaba con detalle a orixe desas creacións e o que representaban. Fascinados pola dimensión desta muller e as súas conversas, os cineastas Belén Montero e Juan Lesta, mesmo comezaron en 2015 a rodaxe dun documental titulado “Divina Filmeikeira”, do que se filmaron varias partes pero finalmente non puido rematarse. En 2011 foi reclamada como singular crítica de cine do programa “A Solaina” de TVG.

Cans perde unha das súas veciñas máis populares e unha muller alegre, entusiasta e irremplazable.