Un total de nove estreas terá este ano a competición de Ficción e Animación do Festival de Cans, na que haberá dez obras. Catro das obras terán a súa estrea absoluta e cinco delas será a primeira vez que se poidan ver en Galicia. Os traballos presentados abordan temáticas diversas como os coidados, a familia, a reinterpretación da masculinidade, a tecnoloxía, o amor ou a liberdade.
Entre as obras de estrea absoluta están títulos como Home que foxe (imaxe destacada da publicación), baseada na fuga do preso anarquista Xosé Tarrío e segunda curta do cineasta de Marín Pablo Dopazo, que o pasado ano foi o gran triunfador de Cans; Montsera, de Diego R. Aballe e producida por Alfonso Zarauza, unha traxicomedia arredor da paixón pola botánica, Curmán, o prometedor debut como director do actor Alejandro Jato e a curta Boca de Asno, de Carlos Calvar, unha historia surrealista cargada de humor negro.
Entre as estreas en Galicia, unha das máis esperadas será Abellón, de Fon Cortizo, que chega a Cans despois de ser recoñecida como mellor curta no Festival de Moscú e de varias seleccións internacionais, así como a desacougante Hippocampus de Xaime Miranda, gañador en dúas ocasións do premio a mellor videoclip en Cans, e que supón o debut no guión de Nuno Pico, líder da banda Grande Amore. Outras estreas serán a da cineasta de Cangas Adela Pino coa curta Corre Adela, que conta co actor Fernando Tejero como protagonista e Adeús, Berta, do director e actor Fernando Tato, que mostra un reencontro entre a protagonista e a súa irmá, quen acaba de saír dun centro de rehabilitación.
Tamén terá a estrea en Galicia un filme de carácter social como Mounir, de Xavier Rúa e Xosé Dopazo, unha docuficción que aborda a inmigración ilegal e a loita polos permisos de residencia. A categoría de ficción complétase con O Patio de Ariadna Cordal, cineasta forxada na sección Novas Camadas de Cans, que aborda nesta ocasión un relato de soidade e memoria.
Finalmente, na categoría de animación competirán catro obras. Eu vou comigo, dunha das habituais en Cans, Chelo Loureiro, que acaba de gañar o Premio Mestre Mateo con este traballo; Sinapse, de Carlos Cuesta, baseado en experiencias de persoas con alzheimer e os seus familiares; Noites de Prata, de Soraya Antelo, unha historia que navega na música e na emigración galega a Arxentina e a singular Cadáver de dragón, de José Garnelo, que relata un curioso vínculo entre un náufrago e un cadáver dun dragón.
A competición de ficción e animación terá lugar o día grande de Cans, o sábado 24 de maio, e as entradas, en sesións matinal e de tarde, xa se poden adquirir de xeito individual desde hoxe a un prezo de 14 euros na tenda online do Festival de Cans.