XURADO FURACANS-NOVAS CAMADAS

 

JAIONE CAMBORDA, directora e guionista. Cunha ampla traxectoria como curtametraxista, a vasca residente en Galicia Jaione Camborda filmou este ano a súa primeira longametraxe, Arima, Premio á Mellor dirección na sección ‘Nuevas Olas’ do Festival de Sevilla. Tamén ten un completo currículo como guionista (Os fenómenos, Ons), directora de arte e mesmo produtora na compañía que fundou, Esnatu Filmes. 

JULIA JUÁNIZ, montadora e directora. A navarra Julia Juániz é unha institución no cinema español. Montadora de máis de 50 longametraxes, traballou con Basilio Martín Patino, Víctor Erice ou Carlos Saura, con quen montou oito películas, entre elas Goya en Burdeos, pola que foi seleccionada nos Goya. En 2005 acadou o Premio do Círculo de Críticos Cinematográficos pola montaxe de El cielo gira, de Mercedes Álvarez. É membro da Academia Española de Cine e da Academia de Cine Europeo.

ÁNGEL SANTOS, crítico e realizador. Licenciado en Historia da Arte, Ángel Santos (Marín, 1976) estudou no Centre d’Estudis Cinematográfics de Catalunya (CECC). Desde 2002 alterna curtas e longas, ficción e ensaio documental (O Cazador, Fantasmas#1, Fantasmas#2, Adolescentes). Las altas presiones, segunda das súas longametraxes, estreouse no Festival Internacional de Busan (BIFF, Corea do Sur) e no Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) onde obtivo o Premio Nuevas Olas ao mellor filme europeo. É co fundador de Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, no que exerceu director artístico ata este mesmo ano.