XURADO CURTAMETRAXES FICCIÓN / ANIMACIÓN

 

Pepe Coira, guionista e produtor. Experimentado guionista, Pepe Coira ten creado numerosas series de televisión, desde Mareas vivas a outras máis recentes, como a aplaudida Hierro (2019) ou Rapa (2021). Ademais, escribiu e dirixiu longametraxes documentais como Beiras.Vivir2veces, estreada no Festival de Cans 2021. Coira é un dos profesionais máis respectados no audiovisual de Galicia, ao que tamén sempre estivo vencellado desde as institucións, caso do CGAI, do que foi director.

Mónica López, actriz. Formada en Barcelona no Institut del Teatre, Mónica López ten unha longa traxectoria como actriz en teatro, televisión e cine. Traballou en filmes de directores como Cesc Gay, Juan Carlos Fresnadillo ou Rodrigo Sorogoyen, e é unha das protagonistas da serie Hierro, de Jorge Coira, ademais de Rapa, tamén de Jorge Coira e Elena Trapé.

Chechu Salgado, actor. Debutou na serie Serramoura, da TVG, e coñeceu a popularidade polo seu papel na serie Fariña (2018). Na pantalla grande protagonizou a superprodución de Daniel Monzón Las leyes de la frontera. Por este papel, no que deu vida a Zarco, gañou este ano o Premio Goya ao Actor Revelación.

Marta Gómez, xornalista especializada en cultura. Redactora durante unha década en Planeta cine, da TVG, desde 2018 dirixe o programa cultural diario ZigZag, da mesma canle,e colabora tamén en revistas de cine e música. Desde os medios públicos, aposta sempre por dar visibilidade a artistas galegos emerxentes.

Miguel Ángel Delgado, artista visual e cineasta. Docente de cinema no master da escola SUR do Círculo de Belas Artes de Madrid, Delgado é colaborador do programa Cinema en Curs e socio fundador de Morelli Producciones. Os seus proxectos mostráronse en diversos espazos como Tabacalera (Madrid), 143 Delicias Centro de Arte Dos de Mayo, ou o Festival Márgenes. Actualmente prepara o filme San Simón, sobre a illa da Ría de Vigo que o franquismo utilizou como cárcere.