“TODO EL MUNDO SE PARECE DE LEJOS” DE RAFA DE LOS ARCOS GAÑA O PREMIO DOS CINECLUBES QUE CONCEDE CANS

  • Cerca de 500 persoas acudiron ás proxecións de Cans Expandido, a novedosa alternativa que impulsou o festival para visibilizar as curtas nos cines de toda Galicia.
  • A Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) e o Festival de Cans acordaron premiar ó gañador coa recadación das proxecións, que ascendeu a 1.200 euros.
  • Ata este domingo, aínda se poderán ver todas as curtas da Sección Oficial de Cans na web do certame: www.festivaldecans.gal.
Cans. O Porriño. 18 de setembro de 2020. O realizador vigués Rafa de los Arcos, coa súa curtametraxe Todo el mundo se parece de lejos, resultou ser o gañador do Premio Feciga, concedido pola Federación de Cineclubes de Galicia e o Festival de Cans, despois da celebración os pasados días do formato Cans Expandido.

Este novIdoso formato tiña como obxectivo ampliar a visibilidade de todas as curtametraxes da Sección Oficial do Festival de Cans, durante catro días, en varias salas de cine de toda Galicia. Finalmente foron 9 espazos das catro provincias galegas -incluído un autocine- os que proxectaron as 13 obras a concurso, que sumaron unha cifra cercana ós 500 espectadores. A organización do Festival valora esta primeira experiencia “de xeito moi positivo e moi ilusionante de cara a seguir ampliando esta rede en vindeiras edicións”.

A curta gañadora recibirá o emblemático Can de Pedra, que lles se concede aos vencedores de cada categoría, e un premio de 1.200 euros, despois de que a Federación de Cineclubes e o Festival de Cans acordaran que todo o recadado fose integramente á curta vencedora. O premio outorgouse a través dun xurado que combinou membros dos cineclubes con representantes do público que acudiu ás proxecións.

O xurado decidiu que o premio fose a Todo el mundo se parece de lejos de Rafa de los Arcos, pola “naturalidade sincera da obra e levarnos a unha aproximación moi cercana á unha protagonista anónima e invisibilizada” . Dase a circunstancia de que a curta sairá do Festival de Cans con dous premios, ao ter sido premiada tamén a súa actriz protagonista, Bruna Cusí, como Mellor Intérprete Feminina. A actriza xa fora gañadora dun Goya polo filme Verano 1993.

Visibilidade para as obras

Cans Expandido resultou ser, ó longo de catro días, unha interesante vía alternativa para visibilizar as obras da Sección Oficial de Cans e para promover encontros nas salas con moitas e moitos dos directores das obras, resultando ser unha gran experiencia.

Por exemplo, Álvaro Gago estivo en Cangas presentando a súa curta 16 de decembro -que tivo dous Cans de Pedra nesta edición- a animadora Giovanna Lopalco no CGAI de A Coruña presentando a súa animación Season. En Vigo o propio Rafa de los Arcos e Noemí Chantada, directora de Xoves de Comadres e gran triunfadora en Cans, presentaron as súas obras respectivas.

Só ata o domingo, as curtas na web

Tanto Todo el mundo se parece de lejos coma o resto das curtas que integran a Sección Oficial estarán dispoñibles só ata a medianoite deste domingo 20 na web do Festival de Cans -www.festivaldecans.gal-, na que será a derradeira oportunidades para poder visionalas.

Do mesmo xeito que en Cans Expandido, a organización do Festival de Cans acordou que todos os ingresos que se obteñan no certame en liña, irán destinados integramente ás directoras e directores. Esta decisión tomouse para poder compensar, na medida do posible, todo o parón laboral que a crise da Covid provocou nas creadoras e creadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

10 − one =