A XXII edición do Festival de Cans arranca este martes nesta aldea do Porriño. A programación proxectará 120 obras, das que 40 son estreas en Galicia. Moitas das obras están marcadas por temáticas como despoboamento, a memoria ou a identidade rural. Pasarán polo festival novas voces do audiovisual galego e cineastas xa consagrados como Alfonso Zarauza, que recollerá o Premio Pedigree de Honor de Cans, Ángeles Huerta, Xacio Baño, Anxos Fazáns, Xiana do Teixeiro ou Daniel Sánchez Arévalo, que protagonizará o coloquio central no Torreiro o sábado ás 12h, entre outros.
A primeira xornada do festival comezará mañá ás 10hs coa apertura da exposición “Cans senior” no Centro de día de Torneiros e a inauguración da rúa efémera á cineasta pioneira galega Cruz Risco, coa asistencia da actriz Isabel Risco, familiar da cineasta, e o investigador Xaime Varela, que protagonizarán un coloquio no Baixo de Carlos.
Pola tarde, o día promete emocións fortes cunha xornada centrada na memoria histórica. Os asistentes poderán asistir a unha visita guiada ás 17,00 horas a exposición “Reisiño, o prisioneiro debuxante”, que pon o foco sobre a figura de Alfredo Bautista Alconero “Reisiño” (1912-2000), no 25 aniversario do seu falecemento. Reisiño estivo preso catro anos na Illa de San Simón, onde sufriu a represión franquista e debuxaba aos outros compañeiros presos no seu tempo libre.
En torno á figura de “Reisiño”, proxectarase o documental Aillados, de Antón Caeiro, e posteriormente chegará un dos grandes momentos do día, co avance en exclusiva dos primeiros minutos do filme “San Simón” [imaxe destacada da publicación], dirixido por Miguel Ángel Delgado. Será un momento moi especial, xa que unha das cancións inéditas do filme foi tomada da propia voz de Reisiño. O compositor Fernando Buide creou a música para esta canción, que será interpretada nas voces de “As Mosas”, o grupo formado polas catro irmáns Domínguez Senlle, a cantante Uxía e as súas irmás Raquel, Chus e Ana.
No seu filme, que se estreará en outono, Miguel Ángel Delgado indaga na memoria da Illa con toda a súa carga simbólica, marcada como lazareto e lugar de represión durante o franquismo. O propio director estará presente na proxeción, con Antón Caeiro, o compositor Fernando Buide e familiares de Alfredo Bautista Alconero “Reisiño”.
Tamén mañá ás 18,00 horas proxectaranse as curtas nas que o cineasta boliviano Alejandro Loayza, a quen o festival dedica a súa retrospectiva, deixou a súa impronta como director de fotografía, e que ao mesmo tempo representan un escaparate de curtametraxistas lationarmericanos actuais. O público poderá ver Polvo do arxentino Emiliano Longo, Dochera do boliviano Álvaro Manzano Zambrana e Aicha do cineasta chileno Vinko Tomicic, premiadas en diferentes festivais latinoamericanos.
Mañá martes é o último día para adquirir entradas en liña e só se poderán comprar fisicamente en Cans os días do festival. Para a sección de Ficción quedan as últimas 30 entradas dispoñibles e para Furacáns 60.Durante os próximos días, o Festival de Cans ofrecerá unha programación con forte compoñente de reflexión crítica e social. O mércores será o día dos veciños con homenaxes á señora Alicia e ao señor Adriano e Antes de nós, de Ángeles Huerta, será o filme de apertura do festival o próximo xoves 22 de maio no Círculo Recreativo e Cultural (CRC) do Porriño, e contará coa presenza en Cans da súa directora Ángeles Huerta e dos actores protagonistas Xoan Fórneas, Cris Iglesias.
O xurado de Cans
Nesta edición, o xurado das seccións competitivas estará composto por destacadas figuras do audiovisual, a literatura e a música. Na sección de Ficción e Animación, estarán Claudia Costafreda, directora e guionista (Cardo, Vestidas de azul), Lucía Veiga, actriz galega, Juan Tallón, escritor e colaborador en El País ou Jot Down, Marcos Nine, cineasta galego e Silvia Fuentes, produtora de cinema de autor. En Non Ficción e Novas Camadas, Marcos Flórez, montador e programador do WOS Festival, Xiana do Teixeiro, cineasta e investigadora feminista e Mónica Lemos, programadora e experta en media arte. E na categoría de Videoclips estarán a directora Anxos Fazáns, o cineasta e videoartista Adrián Canoura e o xornalista e músico Carlos Rego.
AXENDA MARTES
- 10.00h. Apertura da exposición “Cans Senior” no Centro de Día de Torneiros.
- 10.30h. Inauguración Rúa Efémera “Cruz Risco” na parede da Casa da Maestra.
- 11.00h. Cineherdanzas: coloquio sobre a cineasta Cruz Risco con Xaime Varela e Isabel Risco no Baixo de Carlos.
- 12.30h. Masterclass: “Subtitulado e accesibilidade” con Pablo Romero Fresco no Baixo de Carlos.
- 17.00h. Visita guiada a exposición “Reisiño, o prisioneiro debuxante” no Círculo Recreativo Cultural do Porriño.
- 18.00h. Retrospectiva das curtas internacionais “Alejandro Loayza” no Centro Cultural Municipal.
- 19.30h. Proxección do documental “Aillados” de Antón Caeiro e coloquio e Avance do filme “San Simón” no Centro Cultural Municipal.