LENDOCINE

Xoves 19 | 18 h. | Parque do Cristo
Mercado de libros de cine de 16 a 21 h.

LendoCine é un espazo no que se dan a coñecer libros de actualidade que teñen o cinema como protagonista. Trátase de achegar estas obras ao público a través dos seus autores. Este ano tamén inauguramos o Mercado de libros, un novo espazo para adquirir os títulos máis curiosos sobre cine.

LIBROS

 

Cuestión de carácter. Hacia una reflexión del lenguaje en la crítica cinematográfica (Filmoteca canaria, 2022), de Javier Tolentino. O libro agroma coma un pensamento calmado. É unha reflexión en voz alta do que desesperadamente berran cidadáns, artistas e algúns xornalistas. Como chegamos a esta situación? Preguntarse polos obxectivos da crítica cinematográfica, reparar na linguaxe, nos formatos, nos soportes e lembrar os principios éticos e estéticos sobre os que se asenta é a intención serena desta proposta.
Pantallas de lo maravilloso (Shangrila Ediciones, 2021), de Luis E. Froiz . O investigador Luis E. Froiz Casal achéganos ao cinema surrealista centroeuropeo (1945-1990) realizado durante a etapa comunista en Polonia, a antiga Checoslovaquia, Hungría e as repúblicas iugoslavas de Croacia e Eslovenia. Mediante a análise de máis de 180 títulos e a revisión pormenorizada de filmografías de autores como Jan Švankmajer, Wojciech Has ou Jan Němec, Froiz procura atopar nexos entre as súas obras coa intención de reivindicar un cinema apenas estudado.
María Casares fronte ao espello  (Edicións Xerais, 2022), de Sabela Hermida. A autora pretende recoller o legado filosófico e artístico de María Casares, quen se converteu en referente e icona das vangardas da época así coma da intelectualidade republicana e galeguista exiliada en América do Sur. Sabela fai unha retrospectiva detallada da evolución artística, da carreira teatral e da concepción da arte dramática e do método interpretativo da artista, influída en gran medida pola corrente filosófica existencialista.
Aura 1964  (Editorial Galaxia, 2021), de Ignacio Vilar. Con este título Galaxia inaugurou no seu catálogo a colección ‘Guión’, na que aposta pola publicación de textos escritos para o cinema. Aura 1964  é o novo proxecto do director de A esmorga, Ignacio Vilar, quen agora pon o foco —a través dos ollos e vivencias de Siro, o neno protagonista— na memoria histórica e nunha realidade marcada polo adoutrinamento, a mentira e a aldraxe da dignidade en nome de Deus e da patria fascista.
O meu sangue (Editorial Galaxia, 2022), de Diego Giráldez. Nos libros do porriñés Diego Giráldez sempre está presente o cinema; non só filmes que se citan, senón tamén escenas de inspiración cinematográfica. Na súa última novela, o autor recorre a unha parodia do xénero negro que ben se podería levar á pantalla grande. O protagonista inspírase no famoso filme Arsénico por compaixón, de Frank Capra, para escribir a súa propia novela.

María Casares, mi patria es el teatro (Editorial Trifolium, 2022). Unha recompilación de textos arredor da figura da actriz galega María Casares, publicado con motivo do centenario do seu nacemento. Con textos, entre outros, de César Antonio Molina, Ramón Chao ou Miguel Anxo Fernán-Vello, quen nos acompañará para presentar esta obra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

2 + 4 =