HENDRIK & LOS MÍTICOS GTs

Sábado 5 | 21.30 h. | Espazo Estrella Galicia da Leira do Río | Aforo: 300 persoas sentadas| Prezo: 7 € (con entrada de tarde ou adquirida previamente)

Fóra dos proxectos cos históricos Del Tonos, Hendrik Röver comezou unha interesante traxectoria en paralelo. Recorreu a dous vellos amigos, Goyo Chiquito (contrabaixo e coros) e Toño López Baños (batería e percusións), unha sección rítmica con 20 anos de experiencia xuntos, para formar Los Míticos GT’s, cos que gravou Incluye futuros clásicos (2014), o directo Live en La Burbuja (2015) e o tamén dobre Fetén/Fatal (2015).

Hendrik Röver & Los Míticos GT’s son un ciclón no escenario, un potente e dinámico trío de músicos curtidos e excelentemente conxuntados que interpretan con solidez e confianza o repertorio de Röver e unha coidada selección de versións. As súas armas, un feixe de grandes cancións, unha telecaster Esquire, un pequeno Fender Pro Junior, arroupado polo potente contrabaixo de Goyo, e o excepcional traballo rítmico de Toño.