FILLAS E FILLOS DE CANS

Venres 20 | 16 h. | Baixo de Carlos
Capacidade: 75 persoas

É unha das actividades que máis adora o público fiel de Cans, e un dos grandes escaparates do talento dos realizadores e realizadoras. Poderemos ver algúns minutos de películas aínda sen rematar, antes de empece a súa andaina por festivais e salas.

Acompañarannos Andrea Vázquez, de Miramemira, para falar de Sica; Álvaro Gago, Alberto Gracia, Fernando Cortizo e João Nicolau. Tamén conectaremos por videoconferencia con Ángeles Huerta e contaremos cun dos intérpretes do seu filme Corpo aberto, Federico Pérez.

SICA

Dirección e guión: Carla Subirana Produción: Miramemira e Alba Sotorra Xénero: Drama Vai de: Sica é filla dun mariñeiro que desaparece nun naufraxio e espera a que o mar devolva o corpo do pai. Mentres, o único apoio  que ten é un mozo da volta ao que alcuman O Cazatormentas, pois está obsesionado coa chegada dun ciclón. Sica descubrirá que o pai e a comunidade onde vive non son o que aparentan. Estado: en fase de posprodución.

MATRIA

Dirección e guión: Álvaro Gago Produción: Matriuska Filmes Xénero: Drama Vai de: Ramona vive nunha vila mariñeira sometida pola tradición e abocada ao traballo. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla, verase empurrada a mirar cara dentro e a pensar que, quizáis, haia algo novo polo que vivir. Estado: en fase de posprodución.

JOHN IN CHRIST

Dirección e guión: João Nicolau Produción: O Som e a Fúria Xénero: Documental Vai de: No sueste da illa de Tanna (Vanuatu), o culto a John Frum e á sincrética Unity of John in Christ conviven coas máis variadas correntes do cristianismo evanxélico (Iglesia Adventista do Sétimo Día, Asamblea de Deus, Igrexa Metodista).  Mirando e escoitando as liturxias destes grupos a través do prisma transversal da interpretación musical, esta película pretende observar como as distintas tendencias relixiosas se implantan, difunden e asimilan na vida cotiá dos seus fieis. Estado: en fase de preprodución.

CORPO ABERTO

Dirección: Ángeles Huerta Produción: Ollovivo, Fasten Films e Cinemate Guión: Ángeles Huerta e Daniel Domínguez. Baseado nun relato de Xosé Luís Méndez Ferrín Xénero: Terror-folk Vai de: 1909. Miguel é un profesor novo que ten, como primeiro destino, unha aldea pequena de montaña situada na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, un territorio inhóspito, un lugar habitado por xente ruda e con tradicións remotas. Segundo avanza o inverno, Miguel sente a escuridade penetrar en toda a súa contorna, á vez que incrementa a súa fascinación por unha veciña da vila: a enigmática Dorinda. Estado: en fase de posprodución.

LA PARRA

Dirección e guión: Alberto Gracia Produción: Fílmika Galaika Xénero: Drama Vai de: Damián vive en Madrid nun piso compartido. É un home de mediana idade fracasado e arruinado. Cando recibe a nova da morte do pai, ten que volver á súa cidade natal, Ferrol, onde acabará facendo noite nunha pensión de mala morte, La Parra. Damián, afundido no deixamento, semella que tocou fondo: tras máis de vinte anos, tanto el como a cidade sufriron un grande deterioro. Enfrontarse á realidade lévalle a poñer os pés na terra para tomar as rendas da súa vida: a memoria e a imaxinación son as dúas únicas armas que lle quedan para tratar de reencontrarse consigo mesmo. Estado: fase de montaxe.

SANTA COMPAÑA

Dirección e guión: Fernando Cortizo Produción: Artefacto Producciones Xénero: Documental Vai de: Un suceso traumático levará ao director de cine Fernando Cortizo a realizar unha investigación ao longo da última década na busca de respostas e pistas que aporten luz na  milenaria lenda da Santa Compaña. Os resultados e conclusións da súa pescuda cambiarán para sempre a visión do espectador sobre esta sinistra aparición. Unha película documental que navega na delgada liña onde se cruza  o real e o irreal  Estado: fase de montaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

ten − seven =